Opinión

BNG: O voto útil

Van alá xa vinte e tres anos, no 2000, saín elixido deputado ao Congreso español polo BNG. O segundo pola circunscrición da Coruña xunto con Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez, que revalidaran a acta que xa conseguiran en 1996. Daquela tamén aspirábamos a un grupo propio e, de feito, só un feixe de votos impediu que o BNG lograse non cinco mais seis deputados. Mais a mesa do congreso primeiro e a xustiza española despois, negaron ao BNG o mesmo que recoñeceron a Coalición Canaria. Claro que os canarios apoiaban o PP e colleron emprestados deputados da UPN entanto os do Bloque pretendíamos facer o noso grupo con deputados nacionalistas vascos e cataláns.

O caso é que non puido ser. E eu, talvez máis máxica que racionalmente, pensei que non pasaba nada. Que se non foi desa vez habia de ser na seguinte. Como se o tempo non contase ou como se os gobernos españois con maiorías absolutas, como aquel de Aznar, non traballasen á contra do país, facendo máis difícil o avance do nacionalismo. Porque o tempo é unha variábel imprescindíbel da política. En especial o tempo acelerado, de mudanzas concentradas, desta terceira década do século XXI.

E ese tempo que pasou foron anos en que aquel goberno terríbel – o goberno español da guerra criminal do Iraque, do Prestige, do centralismo descarado, da T4 de Barajas, da lei de partidos, do Yak-42, dos atentados do 11-M e das mentiras gobernamentais – convenceu aos fillos e fillas do franquismo de que non tiñan nada do que sentir vergoña e que o seu dominio das alturas da economía, da administración, da xudicatura e o exército era, seguía a ser, o botín dos vencedores de 1939. Foi alí que naceu, mesmo que fose por medio da compra de deputados tránsfugas, o Madrí reaccionario que hoxe padecemos.

Foi neses anos, ben regados con diñeiro público, que floreceron os medios e os xornalistas de estrema dereita que hoxe seguen nos abourando. E o boom inmobiliario. E o revisionismo histórico. E as privatizacións. E a corrupción. E tamén, enfin, os recortes sociais que despois Zapatero e Rajoy haberían de aplicar con máis saña. Porque tamén hai que lembrar que boa parte desas medidas foron apoiadas polo PSOE.

E, porén, vinte e tres anos máis tarde, case o tempo histórico dunha xeración,  o BNG está de novo aí. Defendendo os intereses da Galiza e, precisamente por iso, combatendo a dereita española. Con posibilidade certa de ter unha representación máis forte no Parlamento español e, quen sabe, talvez até con posibilidade de contar cun grupo propio. De consolidar desde o traballo no Congreso e no Senado españois o cambio que se ten que dar no goberno da Galiza o ano próximo.

O BNG é o voto útil das persoas nacionalistas e de esquerdas. Das que aman o país e traballan pola xustiza social, pola nosa lingua, polos intereses da maioría social, polo feminismo, polos servizos públicos. Contra a explotación colonial dos nosos montes e do noso mar. Por unha enerxía ao servizo de Galiza. É tamén o voto anti-imperialista, o da paz en Europa, o do Sahara e Palestina. O voto contra a lei mordaza e contra os abusos policiais. E é tamén o voto útil nas catro circunscricións, porque nas catro ten posibilidades certas e contrastadas de obter representación. É o voto insubornábel frente a dereita española e a garantía de que Galiza estea presente e conte con voz, con voto e con veto na política estatal.

Sei que sempre hai escusas. Que sempre podemos nos pór esquisitos. Que sempre podemos ver as chatas na obra no canto de arrimarmos as nosas máns. Que sempre, enfin, hai motivos para non votar polo nacionalismo. Que as cousas podían se ter feito doutro xeito  Mais por enriba desas razóns, é preciso termos en conta que o momento é agora. Que non hai segundas oportunidades. Que non haberá outro tempo que non sexa este. Os votos, os escanos, o grupo que non se consiga agora serán perdidos para sempre.

O caso é que eu non quero agardar outros vinte e tres anos. Non hai escusa que valla. Por iso o próximo domingo vou votar polo BNG.

Comentarios