Opinión

Pecha a muralla!!!

- Tun, tun!…/- Quen é?… 
 

- Tun, tun!… 
- Quen é?… 
- A dereita de Camarasa. 
- PECHA a muralla!!!

Vai ser mellor que esta semana, e ata que volva xogarse a seguinte xornada de Liga, como castigo, Víctor Sánchez del Amo someta ós seus pupilos á lectura do famoso poema do poeta e xornalista cubano, Nicolás Guillén, La Muralla; e, por se non lles soa, que todo pode ser, á posterior audición deste canto á liberdade musicalizado por Ana Belén e Víctor Manuel.

Porque salvo que Camarasa levase na solapa da franela unha rosa ou un caravel, ou visen a mesma pomba branca riba do anxelical futbolista levantino, ou tamén pode ser que saira ó Cidade do Valencia perfumado en loureiro…, xa se sabe que os futbolistas son de moito fachendar…, non se entende o gol encaixado por Lux. Sen culpa para Lux, que quede claro.

Dous puntos que se foron de forma absurda por non poñer en práctica o ABC da colocación dunha barreira

Home, tamén pode ser que Camarasa sexa amigo algún dos de branco e azul e que os deportivistas sexan todo corazón, que o son, non hai mais que coñecelos para saber que son boa xente. Non me cren? “Pos” - como diría un xefe que tiven na TVG-, pregunten por Benzema e comparen a súa bonhomía. 

Pois si. Así é. Ben lles iría alzar unha muralla, xuntando todas as mans (sen separalas, nin despegarse); os negros, coas súas mans negras e os brancos, coas súas mans brancas. Unha muralla que vaia desde a praia ata o monte.

E pechando a muralla… 3 puntos. Dous puntos que se foron de forma absurda por non poñer en práctica o ABC da colocación dunha barreira ante o disparo dun tiro libre.

Pero non, non foron. Por que? Por abrir a muralla.

Váiame Deus!!!!

Pois anoten a continuación deste poema, con interpretación libre e co permiso de Guillén.

- Tun, tun! Quen é?
- O derbi co Celta, que vén a Riazor
- Pecha a muralla!

Ah, pero iso si, 

- Á zurda de Lucas Pérez
- Abre a muralla 
 

Comentarios