Opinión

O Dépor queimouse no Lume!

Rabia e dolor! Igual que sucedeu na noite do 24 de maio de 1994 cando o Dépor perdeu unha Liga. Daquela, o sabio e raposo de Arteixo deixara recado, tralo malogrado penalti de Djukic: “o que non se pode é andar como tolo coa festa. Ollo á festa que cha quitan dos fuciños, pero inmediatamente”. Esas verbas volven con forza 25 anos despois.

Ao final foi a noite máis triste de san Xoán que se lembra e se vai lembrar. Houbo rebumbio, si, pero con pena, e pedindo permiso para romper ó responso. As lumeiradas arderon, pero pouco, por culpa das bágoas derramadas polos deportivistas mentres trataban de acender as fogueiras e recompoñer o siso. Concurrencia nas rúas, pero de loito. Festa de san Xoán, si, porque había que tela e había que facela, pero moita menos que de cotío, adiantándose o enterro da sardiña, mesmo antes de empezar a papala. 

O Mallorca gañou a eliminatoria en Riazor, onde o Dépor e os seareiros saíron excesivamente eufóricos e relaxados. Si, gañou en Riazor a eliminatoria porque os bermellóns eliminaron o único pulmón e cerebro do equipo coruñés: Álex Bergantiños. A salvaxe patada, porque aínda que fose fortuíta o golpe foi salvaxe, de Pedraza deixou KO ó canteirán deportivista e a peza clave da eliminatoria. A auténtica correa de suxeición do equipo fallou en Son Moix, porque poucos como Álex para o sacrificio e para sudar a camiseta. Con él sobre o terreo de xogo non tería pasado o desastre e o afundimento do equipo na illa. 

O Mallorca gañou a eliminatoria en Riazor, onde o Dépor e os seareiros saíron excesivamente eufóricos e relaxados

O segundo condicionante, e case máis importante, foi o técnico, José Luis Martí. Equivocouse de planeamento. No peor día. Tomou a peor decisión que podía ter adoptado como adestrador: apostalo todo a defender e conservar a renda obtida en Riazor. O fútbol ten deixado infinitas leccións ós adestradores covardes que fían todo a defenderse que esa é unha mala práctica, porque adoitan acabar perdendo. Hai dous meses vímolo con Ernesto Valverde na Liga de Campións. Tres goles de renda e levantáronlle unha final “nos fuciños”. A Martí pasoulle o lume da festa polo morro e  acabou afumado. En fútbol hai que estar en garda sempre. A relaxación é un veleno mortal.  

Elixiu un mal día para equivocarse. Se o técnico foi o artífice de levantar un equipo morto nos catro últimas semanas, desta non foi quen. A confianza non se pode perder nunca e hai que xerala en cada partido. A fe, igual. O Dépor saíu descreído. “O rival tamén xoga”, dixo Martí ó rematar o partido. Claro que xoga! e precisamente por iso, hai que telo previsto. A realidade é que ó rival, o equipo dos seus amores, deixouno xogar Martí. Aí estivo o problema. Fiouse de máis. O exceso de conservadurismo foi o que o comeu.   Renunciou a Fede Cartabia e Carlos Fernández! Xusto cando Fede Cartabia estaba no seu mellor momento e cando Carlos Fernández é o primeiro que demostou que é quen de poñerse o buzo de faena e aguantar do que sexa e de quen sexa, fixando á defensa rival. No fútbol hai unha máxima: os mellores sempre teñen que xogar e sobre todo teñen que estar nos partidos importantes e decisivos. Este o era. Non hai escusa. Non pensar en substituír a Álex Bergantiños, tivo tres longos días para pensalo, por alguén que puidese facer de Álex foi o seu outro gran pecado como técnico. Ambas decisións tiran pola borda todo o creto co que chegou a este partido.

Sen ascenso o futuro do Dépor é crítico. E sen el, chega, probablemente, unha longa noite de pedra en Segunda División

 Martí estivo esta vez moi mal no planeamento de partido, mal na lectura do partido e mal na reacción. Arriscou co seu once incríble. Incríble porque ninguén tragou que o Dépor ía xogar ó ataque con tantos homes de ataque, que en realidade saíron a defender. Martí foi de mal xogador de mus. Non enganou a ninguén. Só a si mesmo.

O peor foi que non houbo reacción, ou, se a tivo, foi excesivamente tarde. En serio que había que esperar ó minuto 78 para facer o primeiro troco do partido? O Dépor foi desde o primeiro minuto un equipo pequeno. No centro do campo, Vicente e Edu non se enteraron da película e perderon todas as batallas. Foron desbordados constantemente. O campo fíxoselles un inmenso océano no que non conseguiron facer pe en ningún momento. Precisaban, víase a leguas de distancia, un home máis con eles: Didier Moreno ou Pedro Mosquera. Pero ese barco salvavidas nunca chegou. Martí deixounos abandonados e que se afogasen. En ningún momento do partido viu que debía enviar dispositivos de emerxencia para eles. O Dépor comezou naufragando no centro do campo e afogando finalmente en defensa, onde tampouco había equipos de socorro axeitados. 

Duarte tivo unha falta de contundencia inexplicable, foi lento nas persecucións e desacertado nas decisións. O primeiro gol non pode suceder nun xogador da súa experiencia e nivel.  Fallou no peor partido no que podía estar despistado. Aí entra o factor concentración que Martí debeu traballar. 

Capítulo especial tamén precisa o colexiado, que se comeu un penalti a prol do Dépor ao principio do partido. Tampouco estivo fino no gol anulado aos de Martí, por unha falta na disputa dun balón que caía do ceo na área. Dous erros graves que con VAR terían unha revisión favorable e o Dépor estaría festexando ó ascenso. Cunha delas bastaba. 

Pero en noventa e catro minutos o Dépor só tirou á porta dúas veces, cando xa ía perdendo a eliminatoria e co equipo facendo augas. Buscaba a remontada á desesperada. Ese non pode ser un planeamento válido para un equipo que ten como obxectivo ascender desde o primeiro día. A última de Martí, no último segundo, era unha cabezada que ben encaixada poñía ó equipo branco e azul en Primeira División. O xardín de flores de Martí quedaba lonxe desta vez. A sorte non é infinita. Lémbrame ese conto de quen devece porque lle toque a lotaría e lle prega a Deus polo premio, cando unha voz do ceo inquire ó feligrés e lle di: “fillo eu quero axudarche, pero merca o décimo polo menos”. 

En todo caso, estatísticas penosas para quen desexaba acreditar a competencia de querer xogar en Primeira División. 

Explicacións. Toca a quenda para facerlle moitas preguntas a presidente, ex presidente, director deportivo, técnico, ex técnico e, por último, xogadores. Alguns deberían de ter que falar e dar conta dos por ques desta nefasta temporada. A caída en son Moix é un rotundo fracaso de todo o club, comezando por quen diseñou isto, as mensaxes mornas do principio, como dicindo que había balas por se non se ascendía á primeira, e por un comportamento irregular toda a temporada. A soberbia desde que Arrasate prognosticara que o Dépor subiría sobradamente á Primeira foi un magnífico sedante. Sen xogar deixou na cuneta a un competidor. A festa que lle quitaron dos fuciños non foi en Son Moix, soamente. Hai moito que empezou. Arrasate foi o punto de partida. Unha cousa e crer no ascenso e outra é pesar que está todo feito sen gañalo no campo. 

Lume! era un gran lema para que a afección se agarrase á esperanza do ascenso. Pero, como na maioría dos lemas, se o planeamento sae mal tamén poder ter as súas contrapartidas. O fracaso da temporada leva a concluir que o Dépor ardeu no lume de san Xoán, e del só han quedar as cinzas, igual que o ano pasado os mariñeiros afogaron no intento de evitar un descenso, porque no canto de ser “xente mariñeira” foron “pepe piscinas”. No fondo, ambas temporadas foron moi parecidas en erros, que naceron da mesma fonte: un mal deseño no cadro de futbolistas e unha pésima reacción no mercado de inverno. Esa é a última explicación válida para aprender e recompoñer as pezas dun puzzle completamente esnaquizado.

A curto prazo urxen as solucións. A nomeada bala na recámara comeza xa. Se non se acerta no tiro da planificación deportiva a vida do Dépor entrará en pánico financeiro. Ademáis, agora parece difícil pensar que Martí poida seguir sendo técnico do equipo coruñés cun fracaso así nos costas, o segundo fracaso personal -o primeiro foi co Tenerife- que ten xogando unha promoción de ascenso. Nesta ocasión por tolear coa aliñación no peor día para tocarlle a idea que lle funcionaba. Tamén é un fracaso de Natxo, por quen houbo que pagar unha cláusula de rescisión para adestrar ó Dépor. Tamén o segundo fracaso dirixindo un grande, o ano pasado era o Zaragoza.  

Sen ascenso o futuro do Dépor é crítico. E sen el, chega, probablemente, unha longa noite de pedra en Segunda División. Quen sabe!

Comentarios