Opinión

As flores do Dépor e o meigallo do lume

Nunca foi tan acaído o lema que elixiu o equipo de comunicación do club, aló polo san Xoán de 2018. Lume! Se foi un meigallo, funciona!

Porque é imposible prognosticar un final de temporada como o que está a vivir a afección deportivista, onde a cuadratura do círculo se vai pechar neste san Xoán, xusto un ano despois. O domingo, entre sardiñas, pan e viño, e antes de saltar cachelas e lumeiradas, a ser posible en Riazor para maior morbo, decidirase se o equipo ascende, ou non, á Primeira Divisón. Ha ser que si. Poñámonos positivos e non rompamos a maxia!

A eliminatoria tomou vantaxe en Riazor nunha noite meiga

A eliminatoria tomou vantaxe en Riazor nunha noite meiga. Un xa non sabe si atreverse a dicir se con flor ou non. Van tantas nos últimos encontros dos herculinos, que, en realidade, semella que os de Martí, ou Paco Zas, o novo presidente do club, mercaron un campo de flores, e de todas as cores e variedades. Con campo de margaridas ou sen el, o certo é que o único que mereceu a vitoria no partido de ida da promoción foi o Dépor. Unha vitoria xusta e por un resultado axustado, aínda que ben puido caer un terceiro se fosen un pelín máis ambiciosos ou certeiros.

Sempre se fala da importancia das dinámicas positivas. Desde o penalti no último minuto ó Mallorca en Riazor, hai case un mes, onde o Dépor fixo catarse, cambiou de pel e transformouse nun equipo sólido, correoso, con pegada e fiable. O grupo volveu a ser verdadeiramente un equipo.  Unido sobre o terreo de xogo, sen fisuras e sen facer a guerra pola conta dun.

Nese labor, foi fundamental o papel de José Luis Martí, técnico de quen persoalmente non cría que sería a solución cando chegou porque me parecía plano e porque semellaba non coñecer o equipo a xulgar polos seus primeiros días na Coruña. Pero teño que rectificar e recoñecer que está sendo o auténtico espíritu da reconquista deportivista. 

Martí precisaba tempo, facer a súa auditoría interna, a súa pretemporada particular, para facer a escolla dos homes aos que ía repartir títulos de protagonistas e como tiñan que representar as súas funcións. Martí, que como futbolista foi capitán no Mallorca en 2015, é o primeiro líder no vestiario coruñés. Está moi cerca dos xogadores, máis como futbolista que como técnico. E, sobre todo, conseguiu algo moi valioso: que os xogadores confíen nas súas decisións. Ten un crédito enorme. E os seus pupilos estanlle a devolver réditos cun enorme saldo futbolístico a favor.

Ante o Mallorca, o Dépor comezou como o adoitamos ver: sen convencer. Aguantando os golpes, pero contrarrestando pouco ó rival. Nesta fase de campionato onde as pernas pesan toneladas, o Dépor esperou o desgaste do rival, amén das tácticas. O certo é que o Mallorca peiteou o perigo con escasa contundencia, pero suficiente para meterlle algún susto no corpo. Durou case media hora. Pero o equipo de Martí é un motor diésel, que vai de menos a máis. A medida que caeron os minutos, os branco e azuis van medrando.

Un sinal do aliñamento, e do forte convencemento que existe no cadro de xogadores con Martí pódese ver con Fede Cartabia

Un sinal do aliñamento, e do forte convencemento que existe no cadro de xogadores con Martí pódese ver con Fede Cartabia. A súa temporada estaba sendo mala, porque del non se espera discreción senón protagonismo. Martí rescatou do abismo futbolístico ó arxentino e reconstruíu ó mito. Leva tres semanas nas que Cartabia volveu cobrar toda a importancia que se espera del. Senón é marcando, é desequilibrando ou enviando unha asistencia letal. Ante o Mallorca foi o culpable de cambiar o partido. Sacou do baúl a luva de seda que calza cando sente a inspiración e aproveitou unha falta con escaso ángulo para marcar un gol maxistral, un dos mellores da súa carreira, e un dos goles que ben pode subir ó escalafón dos grandes goles da historia branco e azul. A partir de aí, o Mallorca comezouse a desarmar.

Minutos despois produciuse unha xogada definitiva. Unha entrada brutal, á vez que fortuíta, de Pedraza a Álex Bergantiños conxelou á bancada, ós futbolistas e a todo quisqui. Quedou petrificado sobre a herba. Non movía unha pestana. E o sangue, as imaxes de televisión e das fotografías que chegaban ós móbiles, asustaban a todos. Sobre o campo, o primeiro impactado e que transmitiu a alarma o autor da accidental e violenta patada, Pedraza, Pola súa esaxerada acción viu o cartón vermello. Quen saíu inmediatamente a auxiliar a Pedraza foi o adestrador do Deportivo. Nesa reacción, Martí, persoalmente, gañoume para os restos. Que lonxe do Bilardo que ordeaba ós xogadores do Sevilla pisar ós do Dépor! Cómo se agradece que ó fútbol chegue xente normal, respectuosa, sensata!

Con dez, o Mallorca perdeu o control do partido

Con dez, o Mallorca perdeu o control do partido. Botouse ó monte, practicando un fútbol violento, esquecendo e deixando a un lado que saben xogar ó fútbol. A Vicente Moreno só lle quedou minimizar os danos colaterais mudando o planeamento ó resto do encontro. Saír o menos dañado posible de Riazor para tratar de defender unha remonta en Son Moix. 

O Dépor puido sacar máis tallada desa situación, pero foi máis prudente que hábil. Algo incisivo, pero pouco contundente. Pedro Sánchez e Carlos Fernández puideron liala. 

Pero foi Quique o que recolectou a flor do xardín particular do equipo de Martí. Nunha xogada na que volveu aparecer a arte de Fede Cartabia para colgar un balón que pasou de cabeza Carlos Fernández a Quique que, de chilena!, tocou o balón á porta xusto por un pequeno oco entre un central e o porteiro Reina. O coiro botou dentro do marco, con espacio sobrado para ser gol. Pero este non puido celebrarse ata un minuto despois, previa consulta ó línea que chamou a atención do colexiado coa bandeirola erguida. Ambos colixiron o gol. O segundo.

Faltoulles ambición ós herculinos para afogar definitivamente o partido. Agora ó Dépor tócalle manexar a renda. Perder de un, ou por un, ou calquera empate válelle para queimar na noite de san Xoán todas as pestes que deixa a temporada e aproveitar as flores colleitadas nas últimas semanas para poñer en auga nunha tina a noite de san Xoán, como manda a tradición.

Comentarios