Opinión

A eficacia enchufa o Dépor

O acerto. Esa era a diferenza. Por fin, no momento máis oportuno, volveu a sinal de identidade da primeira volta do equipo branco e azul. Onde falta xogo, goles. Ante o Málaga houbo das dúas cousas: xogo e eficacia. Dous factores que cando encaixan son demoledores, estea quen estea diante. 

Foi un partido raro. O Dépor comezou sendo un equipo pequeno, comido por un rival que estudou ben os defectos do cadro de Martí. En vinte minutos, o equipo de Víctor Sánchez del Amo tíñalle tocada a moral ós de Martí, baseado nas especiais condicións de xogo de Javier Ontiveros. Todo o mundo sabía iso antes de empezar o encontro. E de feito, ese foi o problema do Dépor. Ontiveros centrou con comodidade un balón que por riba atopou un rematador sen ningunha marca que malograse a súa cabezada. O Málaga deu un recital na primeira metade. Estaba sendo moi superior. O equipo de Martí ata ese momento acumulaba erros. Xogaba con máis corazón que cabeza e perdía todas as pequenas batallas.

Non contaba del Amo cun penalti tonto que meteu ó minuto o Dépor no partido. Carlos Fernández non deixou colgado ao equipo e marcou outro penalti cargado de osíxeno para o equipo. O erro de Ricci deulle alas ós de Martí para aguantar, crer e non virse abaixo. O público foi un xogador máis, o xogador estrela concretamente. Foi a mellor compaña do equipo nos momentos de maior dúbida.

Acabou a primeira parte con moi malas sensacións porque o Málaga pasara por riba do Dépor tácticamente e porque nos andaluces o seu futbolista diferencial estaba funcioando. O segundo gol dos visitante foi un golazo de Ontiveros, ó que lle deixaron un espazo para poder dar un zapatazo con efecto folla seca que enganou totalmente a Dani Giménez. Un factor diferencial que non atoparon os galegos nos primeiros corenta e cinco minutos. O público foi a referencia, presente de principio a fin. Nunca deixou de crer. A campaña de lume traballada polo equipo de comunicación do Dépor foi un acerto.  

Na segunda metade foi definitiva a sorte, que xa cobrara co penalti do empate a un e volveu facer caixa co envío de Ontiveros ó pau. A partir de aí cambiou o partido. Desapareceu o Málaga e o Dépor creceu reconstruido na inspiración de Pedro Sánchez, o futbolista branco e azul de moda.

Nada como ter a sorte de cara para que a confianza colla forza. O gol de Pedro Sánchez, tras unha excelente combinación pola banda esquerda, na que particparon Borja Valle e Fede Cartabia, feriu o Málaga gravemente. O alacantino marcou de novo un extraordinario gol. O tanto da fe. A partir de aí o equipo enganchouse á remontada.

É incríble cómo un gol no momento oportuno fai disipar os nubarróns que acompañaron ó equipo na segunda volta condenándoo a non ser capaz de gañar un partido na casa durante catro meses. Desapareceu a ansiedade e a precipitación de súpeto. Reapareceu un equipo solidario, combinativo e con capacidade para resolver. Con acerto.

Detrás de Pedro Sánchez apareceu Fede Cartabia, que saíu do baúl das lembranzas , mostrando o seu toque preciso e desbordante. O arxentino foi outra das claves. Unha xogada súa na área acabou no fondo da rede empurrado por Carlos Fernández que garantiu a remontada baixo o longueiro.

O Dépor xa estaba moi enchufado e o Málaga esgotado e noqueado. E daquela apareceu o definitivo toque de corneta que lle deu a volta ó partido que se resolveu cun magnífico disparo de Borja Valle, cheo de confianza, coando un balón polo único oco entre Munir e o pau.

Foi un partido extraño visto no global dos noventa minutos, porque a primeira parte devolvía a fotografía dun equipo pragado de medos, dúbidas e feblezas. O importante e que os de Martí non se viñeron abaixo. O equipo fixo un clic no momento oportuno para demostrar que a calidade e as cualidades que supostamente había no vestiario estaban realmente aí. Hibernaron moito tempo, pero estaban latentes esperando.

Agora tócalle manexar e administrar con intelixencia o acadado. Málaga vai ser un emprazamento duro. Quédalle un mundo, pero conta cunha bombona extra de osíxeno para sobrevivir.  

Comentarios