Opinión

E o ascenso, “pa cuando”?

Outro partido en Riazor, outro empate e outra nova decepción. Outra ocasión perdida. E xa son moitas oportunidades perdidas. Tal e como vai a tendencia do Dépor, ou muda rotundamente o rumbo ou a temporada acabará co premio da consolación da promoción, se é que non se despista moito a última hora. 

Os últimos tres partidos do Dépor en Riazor cóntanse por empates. Só tres puntos de nove disputados. Resultados que animan moi pouco a encher Riazor ou a presentar unha entrada moito máis cálida, malia as mensaxes do director técnico pedindo axuda ós afeccionados. 

O do Dépor vai xa máis aló da desesperación

 

Obviamente, non é unha cuestión de seareiros. O do Dépor vai xa máis aló da desesperación. A rendibilidade do equipo non se axusta ó previsto ó inicio da temporada, que non foi quen de encabezar a clasificación en ningún momento da temporada e que só puido resistir en postos de ascenso tres xornadas, como segundo, e xa pasaron dez xornadas desde a última vez que remato a semana soñando co ascenso. 

A falta de eficacia, a enorme cantidade de ocasións erradas, algunhas bochornosamente claras, como a de Mosquera baixo os paus, e, sobre todo, a escasa mentalidade de equipo que hai está a estragar a temporada, por agora. No fútbol hai moito de psicoloxía. Non é só xogar ben. Son moitas as semanas que o equipo acusa un esgotamento cerebral. Sobre o terreo de xogo vese un equipo desordenado, con posesión da pelota pero que ao mesmo tempo perde moitos balóns ou onde o rival gaña por anticipación. Xusto o contrario que o seu rival de onte, o Alcorcón de Cristobal Parralo, ex técnico do Dépor. O equipo madrileño foi unha piña, estivo metido no partido os noventa minutos e deu a sensación de saber que facer en cada momento. Na intensidade, o Alcorcón foi superior. E tamén baixo os paus. Espectacular Dani Jiménez nas accións máis perigosas dos branco e azuis. 

O Dépor pagou caro o mal arranque de partido. Os de Natxo estiveron vinte minutos correndo detrás do Alcorcón. Un Fede Cartabia desorientado e moi ramplón materializou a desfeita deixando un balón a medias a David Simón, ó que non puido chegar, propiciando ó Alcorcón unha xogada de ataque do que sacou un penalti que lle deu vantaxe no taboleiro de marcas. O guión previsto para o partido mudou. Cos mesmos futbolistas e xogando a remontar. Coa desesperación na bancada. A xogada de Fede é a típica que se produce cando un non sabe estar onde hai que estar, e, sobre todo, cando un dianteiro pisa a propia área sen ter presente o perigo existente cometendo unha pifia incomprensible nun futbolista do seu nivel, probablemente, por non ter sentido defensivo cando se precisa.

Natxo non sabe pechar partidos. Xa son moitas as veces que lle acontece

 

O equipo herculino tivo momentos de lucidez, sobre todo, na segunda metade ata que conseguiu a esperada remontada. Pero Natxo non sabe pechar partidos. Xa son moitas as veces que lle acontece. Outra vez un cambio defensivo nos últimos minutos. Un home máis para a liña da defensa, coa fatalidade de que o central de refresco que sae non chega a tempo nunca carreira co dianteiro e non pode evitar o gol do empate do Alcorcón. Outra vez, o traballo pola borda. 

Quinto na táboa a catro puntos dos postos de ascenso e a cinco dos que marcan o límite de cupo para a promoción: Oviedo, Almería e Cádiz apretando por abaixo, perseguidores do grupo de cabeza. Son datos para reflexionar e darse de conta que chegou o momento da temporada para espelir. Natxo ten unha gran responsabilidade entre mans. Para o Dépor, non vale nada que non sexa o ascenso. Natxo ten que demostrar xa, de forma urxente, que está realmente capacitado para obter ese resultado. O técnico vasco ten que ter enchufado ó equipo antes de saltar o terreo de xogo e manter esa tensión durante todo o partido. E á hora de facer trocos non enviar mensaxes equívocas. Os partidos hai que pelexalos ata que o colexiado pite o final. Non é tempo de nervios. Tras 28 xornadas, Natxo debería saber xa se ten cadro de futbolistas ou non para ascender, e, sobre todo, como conseguilo. E ningunha desas sensacións son evidentes, polo de agora. E quedan só 13 partidos. Cando pensa demostrar que o ascenso non se lle escapa?  

Comentarios