Opinión

Dépor: a rezar!

Impresentable. Lamentable. Enorme decepción. Preocupación. Pánico. Crash!

Impresentable. Lamentable. Enorme decepción. Preocupación. Pánico. Crash! Non queda nada. Nin rastro daquel Deportivo que parecía que progresaba. Un espellismo. Unha falsa sensación. Un absoluto desastre. 

O equipo volveu dar varios pasos atrás na súa recuperación. Perdeu a escasa madurez que adquirira. Claro que non parece só un paso atrás dos xogadores. Tamén do adestrador. 

Basta xa de contos. Basta xa de palabrería. Basta xa de panos quentes. Basta xa de excusas. Basta xa de non dar importancia ou de pasar de puntillas amparado nun falso escudo protector, como son os resultados dos equipos implicados ao descenso.

U-la presión? Non se ve por ningures. Poucas recuperacións de balón en medio campo e demasiadas perdas en calquera parte do terreo de xogo. 

Isto non só se amaña cun despido ou unha demisión (o cal sería máis honroso para un técnico que colleitou no pasado éxitos e que leva camiño de estrelarse)

U-la intensidade? Inexistente. Este equipo é excesivamente brando. Perde case sempre toda disputa. E o peor é ver esa falta de reacción, que o rival se vaia co balón sen oposición, sen cortes. 

U-lo sistema defensivo? É un desastre. Perdeu toda contudencia. A que esperan?  

U-la táctica? Nin de córner, nin de falta, nin de xogadas ofensivas, nin de fóras de xogo, nin nada de nada. 

U-la orde? Desaparecida en combate. Só houbo algo contra algún dos grandes e punto.

U-lo talento? Non fai falla responder a pregunta. Inexistente. 

U-lo traballo? 

Basta xa de traballar só cara á galería. Só para as ocasións ante os grandes, momentos onde o equipo pareceu lucir algo, pero sen brillantez. O Dépor 2014-15 non se fixo para presentarse nos escaparates de Madrid, para as tertulias das radios nocturnas, para facer oposicións a comentarista da champions de TVE. O Dépor está noutra Liga. E tiña que cumprir nesa Liga. Eses son os partidos que hai que salvar, con nota.

U-la táctica? Nin de córner, nin de falta, nin de xogadas ofensivas, nin de fóras de xogo, nin nada de nada

Este Dépor fíxose cun escaso orzamento, comido en parte pola xestión herdada (5 millóns de euros) e cun grave erro de partida: o cesamento de Fernando Vázquez

Fernando Vázquez, aínda que levaba anos sen adestrar, mantiña ideas máis claras na cabeza, coa lección da orde e o talento ben aprendida, coa seguridade defensiva esculpida entre os seus principios técnicos. Aquela desastrosa decisión de botalo en pleno verán frea agora calquera acción de tomar medidas máis contundentes, pero á vista necesarias. E a sensación é de que se chega, chegará tarde, ou cando xa non haxa remedio, se a ten, cun cambio de adestrador. 

Pero ollo! Non se confundan. Isto non só se amaña cun despido ou unha demisión (o cal sería máis honroso para un técnico que colleitou no pasado éxitos e que leva camiño de estrelarse). Aos xogadores hai que pedirlles máis tensión, cabeza, menos precipitación, menos intentar resolver as cousas por conta propia, máis tranquilidade, control da situación, acerto en cada decisión, en cada acción. 

 O Deportivo non é un instrumento ó servicio das matemáticas para que nos demostren que os 11 elementos dun mesmo grupo se poden combinar tomándoos de 3 en 3 ou de 4 en 4

E ó adestrador, mentras siga…, menos bandazos. Basta xa de cambios sorpresa. Basta xa de probaturas. A estas alturas non sabe con quen pode contar? A estas alturas non sabe como ten que xogar? A estas alturas non ten nada mellor que ofrecer? 

Basta xa de aliñacións. O Deportivo non é un instrumento ó servicio das matemáticas para que nos demostren que os 11 elementos dun mesmo grupo se poden combinar tomándoos de 3 en 3 ou de 4 en 4. Isto non é estatística! 29 xornadas e unha vintena de aliñacións… Cantos onces diferentes na búsqueda de que? Con que resultado? 

É hora da autoxestión, de rezar e botar man do santoral. E seguir desexando que os equipos que están por debaixo do Deportivo sigan perdendo, como ata agora. A tres puntos do descenso e que duren.
 
Contra o Córdoba non hai outro resultado posible que procurar unha vitoria. Serán quen?

Comentarios