Opinión

O Dépor progresa axeitadamente

A piques de rematar a primeira parte da Liga, o Dépor afronta o reto de saber se acabará fóra de postos de descenso. 

A piques de rematar a primeira parte da Liga, o Dépor afronta o reto de saber se acabará fóra de postos de descenso. Triste consolo. Pero esa é a realidade do Deportivo que hai que asumir de aquí en diante. Se o consegue será unha boa temporada.

O empate ante o Levante segue na línea positiva de resultados das últimas semanas, e acumula lixeiras esperanzas de que aínda quedan varios equipos, peores, que están por debaixo do nivel que marcan os herculinos. Pero non abonda. No fútbol todo muda e sen avisar. O Dépor non se pode agarrar só á esperanza. Ten que demostrar con máis firmeza que é posible este proxecto.

O cadro de Víctor Fernández acusa unha falta de gol insoportable. Ten demasiada timidez. Comete excesivos erros na procura do gol. Vese moito egoísmo nos momentos cruciais. Abusa da falta de contundencia. 

Os branco e azuis chegaron exhaustos á beira de Levante e sen premio. Isto xa non é culpa do técnico maño. Tras poñer a cabeza no seu sitio, custoulle 15 xornadas de Liga atoparse a si mesmo, agora xa é cousa de xogadores, que son os que teñen que pilotar a nave. Pero o equipo dá outra sensación. Está algo máis seguro, o cal semella suficiente por agora, pero amósase inútil na procura do gol. A auténtica asignatura pendente deste equipo. O gol cotízase moi caro en Primeira División, e na Liga das urxencias, conseguir un gol é como comprar na xoiaría Tyffanny´s da Quinta Avenida en Nova Iorque.

A boa conexión no centro do campo, unha vez máis, entre os dous homes da casa, Juan Domínguez e Álex Bergantiños, saúdase con ledicia. A canteira é fiable.

Aspectos positivos: o Dépor fixo un dos mellores partidos fóra da casa da temporada se só nos fixamos na cantidades de oportunidades creadas. O cadro coruñés estivo máis solto, algo máis confiado, con moita máis iniciativa que o seu rival que está na mesma situación na táboa clasificatoria. A boa conexión no centro do campo, unha vez máis, entre os dous homes da casa, Juan Domínguez e Álex Bergantiños, saúdase con ledicia. A canteira é fiable. Desde que Medunjanin non está no once titular o Dépor nota melloría. Pero a gran aportación de Sidnei en defensa, un dos mellores xogadores do equipo esta temporada, é sen dúbida outra gran nova. O brasileiro dálle á defensa unha gran solvencia, e ademais ofrécese sempre que pode ó ataque chegando con perigo á meta rival. Fáltalle pólvora. Tamén mellora a presenza de Cuenca no equipo, pero é poco xeneroso cos seus compañeiros.

Respecto a Medunjanin, o que lle veu ben un pequeno paso polo banco técnico, non se saca todo o partido que podería dar cando está no campo, porque non se aproveita a súa presenza co único recurso que aportou este futbolista ó equipo: o lanzamento de faltas nas proximidades da área rival. É un bo lanzador, pero apenas o sabemos.

Tralo partido ante o Barça, vai comezar a hora da verdade para o Dépor. Non lle vai valer durmirse nos loureiros porque o normal é que todos os equipos en apuros espabilen. A salvación do descenso este ano pode estar demasiado barata, pero para evitalo vai haber que suar a gota gorda.

Por agora, os deportivistas imitan o tipo de alumnos que estudan o último día para salvar a avaliación e apúntanse a ese estilo de notas do progresa axeitadamente, vamos que nin fu nin fa, pero máis fu, de fume, que fa de fame. A ver como acaba o curso.  

Comentarios