Opinión

Dépor: empate sen sabor

Co horror dos incendios nas últimas horas poucas son as verbas que lle saen a un. O deporte, coas imaxes das lapas rodeando Galicia, resulta algo secundario. Vaia por diante toda a mina solidariedade polas persoas golpeadas pola lume, que en realidade somos todos. E vaia tamén unha opinión engadida. Reflexión seria para que Nunca Máis o lume nos volva a sorprender deste xeito. Non todo pode ser culpa da seca e da falta de auga e das inclemencias do tempo, que terán a súa parte de culpa, seguro, pero hai anos que se esixe un plan de actuación moi serio para rodear o noso monte, incluíndo a política forestal. Darlle as costas ó campo é un temendo erro que xa estamos pagando todos, unha pobreza como país e unha ruina económica.

Sobre o partido, foi tan malo que destacaron moi poucas cousas. O máis novidoso, o debut na porta do xuvenil nixeriano Francis. É o cuarto porteiro que xoga esta temporada no primeiro equipo en Liga. Está clara a desconfianza de Pepe Mel nos dous porteiros internacionais, Tyton e Pantilimon. Con Rubén aínda en estado de recuperación, Mel botoulle peito. O experimento resultou positivo, xa que o rapaz de 18 anos amosou máis firmeza que os seus predecesores. Só tivo unha ocasión de risco que resolveu ben. O nixeriano axudou a dar seguridade á defensa. Non se complicou a vida. Tamén é certo que o Eibar non puxo en moitas apreturas ó gardameta.

Só na primeira metade, o Deportivo tivo certa lucidez. Foi en varios zarpazos. Pero o risco quedouse só nunha posibilidade de perigo. As ocasións non atoparon definición, un dos grande problemas desta temporada no equipo coruñés. Só unha acción de Juanfran puido atopar un oco para tirar a porta. Na segunda, foi Bakkali quen o intentou. Son as dúas únicas ocasións que foi capaz de fabricar o equipo herculino en noventa minutos.

Preocupante foi ver como o Eibar, un equipo que apenas fixo nada, conseguiu, pouco a pouco, meter o Dépor contra a súa porta. Tanto foi que o equipo de Mel tivo que montar unha resistencia no seu campo ante o acoso armero. Sorte que os vascos non conseguiron unha soa oportunidade clara. A única que lograron resultou anulada por un fóra de xogo que viu correcta e claramente o auxiliar. 

Preocupante foi ver como o Eibar, un equipo que apenas fixo nada, conseguiu, pouco a pouco, meter o Dépor contra a súa porta

 

A lectura rápida do punto pode ser positiva e darse por boa, xa que o equipo suma e trata de pór distancia. Pero a imaxe do equipo foi de febleza e de necesidade de atopar fórmulas para aumentar o nivel de conversión en gol das xogadas de ataque que é capaz de fabricar. Que o equipo consiga rematar un partido coa súa porta a cero tamén é un valor novidoso e positivo que se debe destacar. 

Mel apenas contou con Lucas Pérez, que xogou só uns minutos ó final do partido polo que pouco puido aportar. Andone que si tivo todo o partido para poder buscar o gol, moveuse por todo o campo buscando a ocasión propicia. Pero precisamente esa obsesión por estar en todos os sitios ás veces fixo perder a referencia para os homes de ataque que podían conectar co futbolista branco e azul. De feito, o único que tivo alguns goteos de calidade foi Çolak. Cando o turco lograba entrar en xogo, semellaba que o gol podía estar armándose nas súas botas, pero no momento de atopar un resquicio para conectar o pase mortal resultou totalmente ineficiente.

O resultado pódese considerar xusto para os dous equipos. 

Comentarios