Opinión

O Dépor cargouse de fe con Mel

A xénese do partido cheiraba a malleira, a goleada culé. Aínda escoce o 0-8 que lle endosou o equipo culé hai once meses, o 20 de abril de 2016. O equipo de Luis Enrique chegou á Coruña despois de fabricar a mellor e maior xesta xamais vivida, e case seguro que tamén irrepetible, gañando ó PSG 6-1. En dez días, o equipo de Messi marcou 17 goles. Enganchados á Liga de novo e metidos en cuartos de Liga de Campións tras unha fazaña histórica, o Barça estaba moi forte moralmente. Enchidos de lóxico orgullo estaban seareiros, prensa e todo o equipo azul e gra, que soñan con escribir e tocar outro triplete para a historia. Alimentados por esa fame de títulos baixaron do autobús coa vitoria na fronte, pero sen forza nas pernas. Tampouco se comprende como é posible que un xogador profesional como Neymar pode quedar en Barcelona para celebrar un aniversario, aínda que sexa o da súa irmá. En todo caso, aos deportivistas só lles queda dar a benvida á festa e á xesta. A suma de ambas trouxeron a Riazor un equipo gris. E a festa foi a que se gañou o Dépor por méritos, unha vitoria tan fabulosa como impensable. Unha festa asinada con goles galegos a unha semana do derbi. Joselu e Álex Bergantiños puxeron un selo de calidade e raza moi necesario. Os goles da cantera galega deron un volantazo cara á dirección correcta.   

A Riazor chegou un Barça apocalíptico que se atopou enfronte un equipo máis bíblico e cargado de fe. Mel é o predicador. Trouxo de Sevilla, o mellor lugar de España despois de Santiago de Compostela para os asuntos do espírito, a fe. Porque esa é a diferenza que ten o Dépor de antes o de agora. Ten convicción, crenza, credo, creto. Con palabras en positivo, os reforzos axeitados, consolaron as almas en pena dos branco e azuis. Xa ían a engrosar a santa Compaña, pero agora van cara San Andrés de Teixido, máis vivos ca mortos. O Dépor cargouse de fe co cambio de técnico e semella que esa convicción o vai levar cara á beira dos rescatados, mentres outros se afunden coa distancia.  

Mel instalou o valor da fe que faltaba no vestiario. O carro de futbolistas estaba moi tocado polos golpes dos constantes resultados negativos, pola falta de sorte, as desastrosas actuacións arbitráis que comezaron ó principio da Liga e que estaban minando a moral dos xogadores e dos seareiros, e tamén os desacertos das lecturas dos partidos por parte de Garitano que botaban por terra todo o esforzo da semana. Obviamente, o traballo de Mel non é só de espírito, pero a base de psicoloxía, sen dúbida, reforzou a mentalidade positiva do equipo, o gran cambio que precisaba. Os futbolistas cren en Mel. Foise vendo nos catro partidos que dirixiu. Primeiro en Riazor co Atlético, onde se apuntaron Luisinho e Andone. En Xixón logrou a recuperación de Mosquera. Ante o Barça rendéronse á fe Álex Bergantiños, Joselu e Bruno Gama. O portugués, que foi indiscutible con Garitano, non aportara nada en toda a temporada, pero ante o Barça fixo un partidazo, o mellor de toda a temporada. Este Bruno Gama si é o que lembraba Riazor. Foi unha perforadora. Traballou con sentido e rigor táctico incansablemente.

O traballo de Mel non é só de espírito, pero a base de psicoloxía, sen dúbida, reforzou a mentalidade positiva do equipo, o gran cambio que precisaba

Falando de fútbol, a vitoria ante o todopoderoso equipo de Luis Enrique é a primeira na que o Deportivo demostrou outra cousa, un xogo serio e consistente. Valente, con acerto. A aventura coas baixas non era tarifa sinxela. Sen Sidnei, a defensa foi consistente, case inexpugnable. O único despiste, de Albentosa, custoulle o gol de Luis Suárez. A defensa recibiu as tremendas axudas de Borges e Álex Bergantiños. Ata Kakuta, cando lle tocou sacrificarse, tivo unha nota sobresaínte. Juanfran polo lateral dereito e Fayçal como interior desbordaron polas alas a un Barça sen voo, apagado. Por fin, viuse a Joselu con fame de gol, con talento e capaz de resolver, aproveitando a oportunidade de ser o único atacante puro do once. O dianteiro de Silleda está enchufado ante os grandes. Leva tres goles esta Liga e os tres son ante Real Madrid -marcou dous no Bernabéu- e o do Barça deste domingo.

Quen merece capítulo aparte e destacado é Álex Bergantiños. Sempre estivo calado, esperando a quenda, ata que lle tocase falar no campo. É home de club e sabe levar os galóns e o peso do escudo. Con Garitano non tiña bazas de que a alternativa fose posible. Un gravísimo e incomprensible erro de Garitano. Pero Mel falou con el. Abriu a porta do despacho ós da casa, para entender a idiosincrasia do deportivismo (según dixo o propio adestrador despois do partido). Álex foi titular e capitán. E como era previsible saíu o capitán que todos coñecemos. O que se entrega en cada acción con nobreza. O que empurra ó equipo cara arriba cando é necesario. O que sabe ser contundente, sen facer dano, en zonas que non comprometen ó equipo. Un pulmón. Outra magnifica nova da temporada. Álex está fresco e, como xa vén sendo habitual nas últimas temporadas, está para rescatar ó equipo se é necesario cando a Liga comeza a apagarse.

Quen merece capítulo aparte e destacado é Álex Bergantiños. Sempre estivo calado, esperando a quenda, ata que lle tocase falar no campo

Sería bo, e xusto tamén, recoñecer que os deportivistas se atoparon un rival físicamente roto, que acusou o esforzo do partido de Liga de Campións. O Barça estaba fundido. Non tivo velocidade, nin tivo recursos imaxinativos nin individuais. O Dépor observou con talento que se o Barça podía marcar 6 goles ó Paris Saint Germain, eles tamén podían, ó seu xeito, facer a súa propia xesta. Para este Dépor gañar ó Barça, ou calquera dos grandes, é unha proeza. O equipo de Mel con esta vitoria rescatou o peso da historia do club branco e azul. En Coruña non gañaban a un líder de Primeira División desde marzo de 2008, hai nove anos, os mesmos anos que o Barça levaba sen perder en Riazor. A caída do líder de Primeira en Riazor rescata vellas lembranzas que quedaran no caixón: remontada o PSG, Milán, Rosenborg, Bayern de Munich… ou as reiteradas caídas e goleadas do Real Madrid en Liga. O caixón da historia abriuse de novo para lembrar que aquelo non foi un soño. O deste domingo tampouco, malia ser hora da sesta.

A vitoria é importantísima. Chega a unha semana do derbi co Celta. Carga as pilas do equipo para toda a semana e dá un impulso definitivo para poñer distancia e colchón ante os perseguidores, que buscan poñer un cuarto ou un quinto en desgraza para vivir un sálvase quen poida nas derradeiras xornadas de Liga.

Comentarios