Opinión

Dépor: afíase o fío

O Dépor está gafado. O seu nivel de xogo parece que alcanza xa o seu grao de madurez, ten un estilo definido e xoga ben ao fútbol.

O Dépor está gafado. O seu nivel de xogo parece que alcanza xa o seu grao de madurez, ten un estilo definido e xoga ben ao fútbol. Ese fútbol que quere Víctor Fernández. Vistoso. Que namore. Pedíaselle tamén efectividade. E pídeselle. O rexistro de goles por partido no Dépor é de 1 gol por partido. Ante o Sevilla, esta fin de semana, marcou 3. Pero non foi suficiente, nin para empatar. Incrible, pero certo. Isto estase a converter nun grave problema, porque cada semana que pasa o taboleiro de marcas achícase aos poucos, e a marxe esgótase.

O conxunto branco e azul fixo un partido atrevido, sen engurrarse. De ti a ti. Envorcado ó ataque, sen medo ó rival, coa disputa do cuarto posto de Liga para o cadro hispalense. Valente. Hai que recoñecelo. Pero as valentías no fútbol non teñen honra cando á hora de botar un vistazo ó marcador, e sobre todo ó taboleiro de marcas, non hai algún beneficio. 

Cada vez son máis os equipos que viven perigosamente xuntos. Iso pode ser bon, a medias. O Dépor xa está no fío da navalla outra vez. Pero hai que dicir que de forma totalmente inxusta. O equipo da zona baixa que mellor xoga e que máis progresou durante o campionato é o cadro herculino. Non hai dúbida. Acaso non viron como venceu o Levante ao Eibar? E o partido do Elxe? Viron? E a do Granada, que tamén se apunta á festa da reacción. Brillantes non foron. Pero foron. Iso é un sinal de aviso. O sinal que indica que o Dépor podería estar en postos de descenso tralo partido de Valencia.

Así pois, o xogo bonito resulta vistoso, pero sen vitorias o resultado final é amargo. Os branco e azuis precisan un cerebro no campo. Alguén que pense cando hai que temporizar, cando envorcarse á contra sen risco, como manexar un partido cando levas vantaxe, un futbolista que saiba transmitir cando pechar un partido, cando evitar baixar os brazos ou relaxarse. 

 Os berros dunha parte do público cara á Víctor Fernández co “vete xa”, neste momento, foron moi inxustos

O equipo adaptouse xa ó modelo de fútbol de Víctor Fernández. E non parece que o Dépor teña agora un problema de adestrador. Os xogadores cren no modelo e cumpren, salvo na efectividade. Pero o problema da efectividade ten moito que ver coa calidade. Aí é onde se marcan verdadeiramente as diferenzas. Os berros dunha parte do público cara á Víctor Fernández co “vete xa”, neste momento, foron moi inxustos. Porque o equipo agora si é recoñecible. Poderíamos preguntarnos a estas alturas se o equipo sabe ser práctico. Coas estatísticas na man, está claro que neste asunto falta moito por mellorar. 

Agora comeza xa outra Liga. Todos espabilan. Todos saben que o tempo se esgota. Xa non especulan. Van o que van. Getafe e Eibar son os únicos equipos que semellan estar en crise agora. Pero ollo, porque os que parecían desafiuzados reaccionan con resultados, incribles, absurdos, incomprensibles, pero… reaccionan. E desta vez non teman polos amaños. As cousas tamén cambiaron para os tramposos para mal.

Teixeira Vitienes cometeu un erro grave ó non parar o xogo cando Juanfran caeu esvaecido sobre o terreo de xogo tras recibir o impacto dun pelotazo.

Pouco se fala nesta columna de opinión sobre os colexiados. Non me gusta sinalar os colexiados. Hoxe abro un pequeno paréntese. Paréceme que Teixeira Vitienes cometeu un erro grave ó non parar o xogo cando Juanfran caeu esvaecido sobre o terreo de xogo tras recibir o impacto dun pelotazo. Juanfran caeu o chan K.O. O Colexiado ou o liña tiveron que velo. O xogador perdeu a consciencia por uns segundos. Sufriu unha conmoción cerebral. Habería que parar inmediatamente o xogo. Ou non estamos xa alertados de imaxes ben tristes no fútbol español? E a falta de compañeirismo dos xogadores do Sevilla que tamén viron como caía como morto o lateral deportivista? A proba de que Juanfran quedou moi tocado foi que tivo que pedir o troco porque o futbolista non sabía onde se atopaba nin a quen tiña que marcar (o propio futbolista comentoumo ó final do partido medio aturdido aínda). Qué esperaba o colexiado? Que con achegarse e dicirlle “Lázaro, érguete e anda” Juanfran se recuperaría dun esvaecemento? 

Ese penalti desequilibrou o partido definitivamente. Condicionouno. Liquidouno. Demasiada vantaxe para un partido entre dous equipos moi desiguais que estaban a xogar de ti a ti. 

Todos temían un baño do Sevilla. Non houbo tal. O Dépor fixo un gran partido. Proba delo son os tres goles. Dous de Oriol que por fin sacode a pesada mochila de xogar 8 partidos sen marcar un só gol. Tardou 602 minutos en marcar. Lucas Pérez tivo seis ocasións de gol, catro moi claras, enviando un balón ó longueiro e outro lambendo o pao esquerdo de Rico. 

O Dépor é o cuarto equipo da Liga que menos goles marca. Precisou máis de 200 disparos a porta para marcar 23 goles. 

Próxima cita co Valencia na capital do Turia. Que non pase nada!

Comentarios