Opinión

Cambio positivo

Dar un volantazo. Esa foi a xustificación que serviu para destituir a Garitano. Non durmirse. Esa foi a receita de Pepe Mel o primeiro día que colleu as rendas do equipo branco e azul. 

As dúas mensaxes, a do consello de administración e a do novo adestrador, déronse a man na fría noite deste xoves en Riazor. E os xogadores ofreceron unha resposta moi positiva a ambos desexos. 

Non se cumpriu a teoría balompédica de «adestrador novo, vitoria segura», pero o reto era realmente complicado porque o Atlético de Madrid era un prato demasiado forte para un equipo que comezaba a non crer en si mesmo. Os siloxismos no fútbol moderno non funcionan. O fútbol apenas sabe de filosofía nin de matemáticas. Tampouco de ética, como comentaremos ó final.

A resposta anímica do grupo foi boa. A impresión como un equipo compacto, ao nível que está hoxe o Deportivo, recuperouse. É dicir, a priori, o cambio de mentalidade que se buscaba co relevo de técnico calou. A chegada de Mel foi un revulsivo. Parece lóxico. Era o primeiro partido do técnico e se todo vai ben teñen que convivir con el catorce partidos máis. O máis positivo é que o equipo soubo responder fisicamente a esta dura proba. Se hai un equipo físico na Liga ese é o Atlético de Madrid. Os madrileños non estiveron a bo nivel, certo, pero o Deportivo non acabou roto de forzas o encontro. Se se mantén esta dinámica o resto da temporada, o equipo poderá defenderse do pulso que lle espera para salvar a categoría. 

O equipo acabou partíndose a faciana, tratando de defender o resultado, cando nin as forzas nin as ideas chegaban para outro gol na porta de Oblak.

Se hai un equipo físico na Liga ese é o Atlético de Madrid. Os madrileños non estiveron a bo nivel, certo, pero o Deportivo non acabou roto de forzas o encontro

Mel non se complicou a vida. Sobre o céspede, un debuxo clásico 4-4-2, o preferido do adestrador. Luisinho e Juanfran convertéronse en carrileiros de longo percorrido. Os teóricos interiores, Fayçal e Kakuta xogaron máis por dentro que por fóra, pegados a Çolak, buscando o turco para combinar, e preto de Andone ofrecendo axudas.

En xeral, todos os futbolistas herculinos medraron co cambio de adestrador. Lux volveu ser o porteiro que dá puntos ó equipo coas súas paradas vivificantes. A defensa tivo moito apoio dos centrocampistas que os axudaron moitísimo. O equipo simulaba ser unha piña, pechándose como un grupo moi compacto, cando o Atlético atacaba. Resultou curioso ver cómo os carrís atacantes estaban prácticamente libres, sen marca. O risco parecía mol evidente. De feito, esta fórmula non semella que poida ser intelixente para o domingo en Xixón. Pero neste caso, a Mel saíulle ben o plan. O Atlético apenas penetrou por bandas e foron escasos os centros enviados. Os madrileños trataron de xogar polo centro case exclusivamente, e aí só atoparon o enorme atasco montado polos dez futbolistas branco e azuis que estaban por diante do garda-redes herculino. A sociedade Griezmann-Gameiro non puido atopar un momento para conectar. Iso sí, a calidade de Griezmann atopou un pequeno resquicio para zapatear un tremendo disparo co que marcar un golazo espectacular, coa colaboración de Lux, o único erro que tivo no partido, porque o pillou excesivamente adiantado.

En xeral, víronse efectos mol positivos en todos os xogadores. Luisinho, un pulmón pola banda esquerda. O seu esforzo descomunal. Evitou, forzando unha tarxeta, un contragolpe letal cando expiraba a primeira metade.

O portugués está foi enchufado, o que confirma que era un gravísimo error “botalo”, como pretendía Víctor Sánchez del Amo. Só hai que controlarlle os seus calentóns e poñelo a arrefriar de cando en vez. Iso é manexo de vestiario e psicoloxía. Arribas e Sidnei volveron funcionar. Juanfran estivo a un nivel excelente. 

Sen dúbida, unha das mellores novas do partido foi ver a recuperación de Mosquera. O mellor partido do canteirán desde hai un ano, cando renovou. Fayçal volveu a aportar moitísimo en ataque. Moi conectado durante todo o encontro. O marroquí apareceu de novo con Mel. Çolak e Andone, como se espera deles. Entraron no partido con moita intensidade. O romanés deu a batalla. O turco puxo a calidade cos desmarques e o seu sorprendente toque de balón.

Unha das mellores novas do partido foi ver a recuperación de Mosquera. O mellor partido do canteirán desde hai un ano, cando renovou

O Dépor atopou o gol nunca xogada de pillo. Un inesperado erro dun porteirazo como Oblak, que cometeu unha pifia ó sacar de porta, e unha reacción de dianteiro ratoneiro comprometeron a este inexpugnable Atlético de Madrid. A concentración de Andone, o sentido vertical dos seus zarpazos e a velocidade, deixaron a Giménez plantado e sen capacidade de reacción. 

Ese gol foi a clave de todo o partido. Andone conseguiu enchufar a todo o equipo. Incluida a bancada que vía, co escepticismo lóxico, a cita ante un dos favoritos da Liga. O gol do romanés fixo crer ós homes de Mel e soñar ós seareiros cunha vitoria, a primeira do ano.

Agora queda por ver se a tendencia se mantén. Se os xogadores están coas novas ideas do técnico e se estas son rendibles para o obxectivo da permanencia.

Mel tamén estivo intelixente de cara a un dos capitáns do equipo e á bancada. Álex Bergantiños volveu xogar un partido de Liga. Está claro que a Álex con Pepe Mel vai ter mellor futuro do que tivo con Garitano. Iso tamén aleda ós seareiros, que tamén queren ver xogar en Primeira ós seus canteiráns.    

O encontro tivo un xiro dramático cando os futbolistas buscaban a recta final do encontro. Unha xogada fortuita, pero violenta pola forza da acción non pola intención, acabou con Torres desplomado no chan. Morto. Inconsciente e en parada cardiaca. Os acenos de dos xogadores facían presaxiar algo espantoso. A reacción e a rápida intervención de Giménez e de Vrsaljko evitaron unha traxedia. Os médicos fixeron o resto. Riazor conxelouse ante o que estaba presenciando. O estadio enmudeceu ata que o Mono Burgos levantou o polgar transmitindo que o futbolista reaccionaba ás técnicas de reanimación.

Deste suceso, totalmente fortuito, hai que lamentar a penosa actuación de Simeone desde a banda centrado en pedir a expulsión para Álex Bergantiños. O seu comportamento foi totalmente reprobable e vergoñento. Lembrou o de Carlos Bilardo nun Deportivo fronte o Sevilla, cando pedía ó médico do ser equipo que “pisara” os branco e azuis en lugar de atendelo, como corresponde por xuramento hipocrático a un galeno. Simeone puido estar máis preocupado pola saúde de Fernando Torres, pero elexiu montar un penoso espectáculo desde a banda. Como se Simeone, cando foi futbolista, nunca fixera entradas con peores intencións que a acción accidental de Álex. Simeone debía ter máis memoria e lembrar que cando era xogador atlético estaba considerado como un dos máis sucios e dos que máis estopa repartían desta Liga. Álex non é así, nin se comporta así nunca no terreo de xogo. Simeone debía pedir disculpas a Álex e ó Deportivo.

Con esta acción prácticamente se acabou o partido aínda que Clos Gómez engadiu sete minutos de xogo. A ambulancia no curruncho de maratón impresionaba maís que o espectáculo que podía haber sobre a pradeira de Riazor. Afortunadamente, o dianteiro do Atlético está ben e sen consecuencias físicas nin cerebrais.

Convén reprobar o xuíz titular do Xulgado de Instrucción número 20 de Madrid que decidiu arquivar a investigación da morte de ‘Jimmy'

E xa que estamos lamentando accións repugnantes deste partido, convén reprobar o xuíz titular do Xulgado de Instrucción número 20 de Madrid que decidiu arquivar a investigación da morte de ‘Jimmy', xa vai para un ano, e que se produciu nas proximidades do estadio Vicente Calderón de Madrid. O xuíz di que lle resulta imposible identificar aos presuntos autores materiais do seu asasinato. Sobre esta decisión, dúas cousas a comentar. Pésima xornada, o mesmo día en que o Dépor e o Atlético se volven enfrontar, a que elixiu o xuíz para anunciar o arquivo da causa. Non se pode ter peor tacto, ademais do perigo porque había afeccionados colchoeiros na Coruña. Segundo, por que se arquiva? Arquivaríase se se tratase doutra persoa ou doutra familia afectada? 

Comentarios