Opinión

Sobre branqueamentos

Descoñezo a orixe e autoría desa frase feita, repetida desde hai moitos anos polo PP e por suposto desde algunha columna xornalística afín, segundo a cal, a xente do Bloque dedícase basicamente a "repartir carnés de bos e malos galegos". Debo confesar que nunca mirei diante miña un carné desas características e con esas propiedades, mais se tanto insisten, supoño que existirá. Asumamos daquela que é certo, e imaxinémonos que me encontre unha tarde por Seixo paseando e repartindo eses carnés, como asegura o PP que facemos.

Estando nesa sedutora tarefa de provedor de identificacións, tópome con outro argumento, máis actual e non menos pintoresco, sobre as recentes eleccións en Euskadi. Ten a ver coa noción de "branqueamento" do nacionalismo, ou –traducido– como carallo é posíbel que o nacionalismo reciba tanto apoio popular. Nesta ocasión en relación con EH Bildu, mais hai só uns meses era o BNG a peza a bater. Prefiro non reproducir os despropósitos que se verteron contra o nacionalismo galego naquela altura e que é posíbel volvan replicar na vindeira campaña das europeas. Pois falemos de branqueamentos. 

Non me consta que a Igrexa española chegase a condenar de xeito expreso e inequívoco o réxime militar xenocida de Franco nin a represión exercida coa colaboración activa desa institución relixiosa durante todo ese período. Tanto do punto de vista simbólico e ideolóxico, co ditador baixo palio durante décadas, como mesmo sinalando vítimas a depurar. Aconteceu aquí, na Galiza. E a día de hoxe, 2024, o ditador segue a ter a máxima distinción pontificia polos servizos prestados. Non cabería interpretar como branqueamento desa ditadura militar e como humillación ás vítimas esa actitude tan dogmática, fanática e insensíbel?

Outro máis. O PP botou décadas, no actual réxime constitucional, sen condenar o franquismo. Acabaron facéndoo "daquela maneira". Mesmo chegaron a inserir na política "normalizada" un ex ministro desa ditadura militar. É difícil pensar nun maior branqueamento que o que se lle practica a unha ditadura militar. Nada menos. Quero pensar que as vítimas terían razóns máis que suficientes para se sentiren humilladas, non si?

E outro. Axentes da policía española que participaron dos máis fedorentos sumidoiros do Estado, e que chegaron ser condenados, e até un ministro do Goberno español (PSOE) entrou en prisión por esa razón. Nada menos que por terrorismo de Estado. Outro bonito exemplo de branqueamento do corpo policial.

Deixémonos de lerias. O que lles molesta, en realidade, é que a Galiza, Euskal Herria e Catalunya posúan movementos nacionalistas e que, ademais, vaian en ascenso. Vaia, que existan pobos diferentes ao español. Iso é o que non poden aturar.

PD: O descrito fai parte desa mentalidade que poderíamos cualificar como fodechinchética, consistente en pontificar sen coñecemento nin gañas de comprender, dende fóra (ou ás veces dende dentro, mais de xeito acomplexado) o comportamento político e electoral nesas tres nacións.

Comentarios