Opinión

A República da Galiza daría asilo a Snowden

Sei que me habedes chamar inxenuo, friki ou cousas piores (ou talvez non, que mal pensado son), mais teño para min que unha República da Galiza non tería a menor dúbida á hora de dar asilo a Edward Snowden.

Sei que me habedes chamar inxenuo, friki ou cousas piores (ou talvez non, que mal pensado son), mais teño para min que unha República da Galiza non tería a menor dúbida á hora de dar asilo a Edward Snowden.

Gandhi non quería que a India independente reproducise as pautas de conduta da metrópole británica. Non lle interesaba unha India independente á inglesa. A República da Galiza non se comportará, cando nacer, como os Estados da UE, como Franza, Italia, Alemaña ou España, fámulos axeonllados perante Washington. En realidade, isto que escrebo é pura metafísica: a República da Galiza ou será anti-imperialista, isto é, nada da derrota de deseños imperiais, ou non será.

Snowden é, como di seu pai, un patriota, na esteira de Thomas Paine, un dos revolucionarios independentistas que criaron os EUA no combate contra o daquela Imperio británico. Patriota é aquel que defende o seu país dun goberno inxusto. O home que ía fechar Guantánamo (e ao que se lle outorgou o Premio Nobel da Paz con carácter preventivo!!!) acabou por enclaustrarnos a todas e todos nun campo de concentración planetario en que todas as nosas comunicacións son susceptíbeis de seren espiadas polo Pentágono, coa cumplicidade activa de Bill Gates e demais magnates da Internet, segundo puidemos ler nun xornal tan reputado como The Washington Post.

A persecución a Snowden é un símbolo. Da opresión imperial sobre os pobos, sobre gobernantes tan dignos como Evo Morales, maltratado polas sucursais europeas de Washington, España á cabeza delas, e tamén da opresión sobre as persoas. Snowden sería moi ben recibido nunha Galiza independente e soberana.

Comentarios