Opinión

Un golpe de Estado de luva branca

A Mariano Rajoy e os seus secuaces do Partido Popular venlles ao pelo a crise económica. So pretexto de cumprir os requisitos do memorando do rescate, de emprender reformas estruturais para enfrontar a situación económica e de crear emprego (así o din con toda a cara dura ante o estupor xeneralizado) están a aproveitar para esmagar o xa deficitario sistema democrático en que dicían crer.

A Mariano Rajoy e os seus secuaces do Partido Popular venlles ao pelo a crise económica. So pretexto de cumprir os requisitos do memorando do rescate, de emprender reformas estruturais para enfrontar a situación económica e de crear emprego (así o din con toda a cara dura ante o estupor xeneralizado) están a aproveitar para esmagar o xa deficitario sistema democrático en que dicían crer.

Non se trata de reproducir o relatorio das medidas enunciadas no Congreso. Medidas que se van impor caia quen caia, cal golpe de estado de república bananeira, e que abocan a maioría da sociedade ao empobrecemento, ao incrementaren un imposto tan inxusto como o IVE -que grava igual a quen cobra unha pensión miserenta que a quen conduce, rólex en man, un Audi- e á exclusión social a quen tivo a desgraza de perder o seu emprego e non dá atopado outro, ao reduciren -transcorridos seis meses- a contía da prestación por desemprego.

Indo máis alá da gravidade propia do que este mércores de xullo -con aleivosía e vacacionalidade- se nos contou, o que hai detrás é un Partido Popular que, recorrendo á demagoxia e o populismo inherente á ultradereita e ao fascismo, está a darlle a volta á realidade que coñecemos até o de agora. E faino por boca dun Mariano Rajoy á fronte dun estado intervido. Porque como quedou ben constatado na súa intervención, xa non é presidente de nada, tan só un simple xestor das decisións adoptadas nos cumes europeos celebrados nas últimas semanas.

Un Mariano Rajoy satisfeito, iso si, de poder aplicar o seu verdadeiro programa, porque a realidade é que estas son as políticas en que cre. Políticas que non tivo a decencia, nin el nin a organización política que representa, de defender publicamente durante a campaña, porque as tiñan agochadas, baixo chave, na sede da FAES.

Porque é demagóxico e populista xustificar recortes de dereitos laborais para as empregadas e empregados do sector público comparando o desemprego xerado aquí co xerado no sector privado. Como se o normal fose perder o emprego, cando terían que estar traballando para favoreceren a súa creación en todos os ámbitos. Isto, logo de prepararen á opinión pública, para que asuma que non é un dereito ter un contrato indefinido, senón un privilexio que cómpre erradicar.

Como igual de demagóxico e populista é tratar de convencer a maioría da sociedade de que vivimos por riba das nosas posibilidades, porque a clase obreira accedeu a unha vivenda –hipotecándose de por vida-, mercou electrodomésticos e coche a prazos ou foi de vacacións. Dereitos que, como a estas alturas todo o mundo sabe, están restrinxidos a uns poucos elixidos na pirámide de clases en que cre a clase privilexiada á que representa e defende o PP.

E nestes últimos anos aturamos o insulto de que todos temos que arrimar o ombro, cando quen sustenta e alimenta os beneficios empresariais e os das entidades financeiras, é quen traballa en precario para manter o nivel de vida dun empresariado, na súa maioría con ben poucos escrúpulos, e quen ten a súa nómina, pensión, prestación, hipoteca e/ou pequenos aforros nunha desas entidades que se publicitan como “tu banco y cada vez el de más gente”. Publicidade esta que debe ser na cal se basea o principio de privatizar os beneficios e socializar as perdas para xustificar así que paguemos o seu rescate.

Déficit democrático

Porén, tan grave como isto é o terríbel déficit democrático ao que perigosamente nos imos afacendo. Non é normal, mais xa o semella, que un presidente do goberno eluda comparecer no Congreso ou non acepte preguntas nas roldas de prensa; que se goberne a golpe de decreto, baleirando de contido as institucións democráticas en que se sustenta este sistema –o seu sistema-; que saibamos da solicitude do rescate o día anterior, a través dunha filtración a unha axencia de noticias como Reuters, inmediatamente desmentido desde instancias oficiais e verificado ao día seguinte, ou que as medidas que se foron adiantando nestes últimos días se dean a coñecer tamén a través de filtracións, ou se confirmen nos cursos de verán da FAES, en palestras perante asociacións empresariais ou en convites de universidades varias.

Cómpre recoñecerlle ao goberno Rajoy e o seu equipo de comunicación e propaganda un excelente uso e abuso dos dez famosos puntos enunciados por Chomsky, baixo o título de Técnicas de Manipulación, e o magnífico manexo da psicoloxía social, aplicando como ninguén a Doutrina do Shock, detallada por Naomi Kleim no libro publicado baixo o mesmo título.

De feito, malia o cabreo que a pesar de todo provocan os recortes de toda caste anunciados por Rajoy, estes son menores do agardado, o que dá un respiro a parte da sociedade que temía a diminución tanto da contía, como da duración das prestacións por desemprego ou agardaba un incremento dos prezos dos produtos de primeira necesidade, coa eliminación do IVE superreducido. Con todo, coidado, a todo chegaremos. Esta é, non esquezamos, a primeira gran quenda e como ben advertiu nas últimas semanas o xestor do Estado español, haberá máis.

Recentralización, ataque ao pluralismo e aos mecanismos de defensa da clase traballadora

A prensa, na análise inmediata, centra na suba do IVE, no recorte que sofren as prestacións e na supresión da paga extra das empregadas e empregados do sector público os seus titulares. Porén o asunto vai moito máis alá.

O anuncio de eliminar duplicidades nas administracións para abaratar custos non é máis que unha escusa para iniciar un proceso de recentralización do estado sen precedentes. Non se derivan ás comunidades autónomas os servizos sociais que prestaban até o de agora –mellor ou peor, en función dos seus orzamentos- os concellos, senón ás deputacións. Esas institucións anacrónicas que lonxe de desapareceren serán reforzadas co obxectivo de recuperaren parte do poder e protagonismo do estado para restarlle máis competencias á nosa nación. Isto alén da anunciada fiscalización das contas públicas galegas. Non hai problema en agasallar Europa coa soberanía do estado, mais as mentalidades franquistas, do ‘unha, grande e libre’, non aturan a nosa existencia, e moito menos que teñamos a máis mínima posibilidade de gobernármonos.

Anúnciase tamén a redución do número de concelleiras e concelleiros en función do número de habitantes, reducindo de paso o pluralismo. O seguinte serán os parlamentos e o propio Congreso. Todo ben vendido coa dose de demagoxia pertinente, apoiada de forma entusiasta por UPyD e polo propio 15-M. Esa mensaxe repetida até a saciedade de que todas as persoas dedicadas á política son malas, gastan demasiado e hai que cortarlles a cabeza.

Isto cando quen cobra das arcas públicas son quen teñen dedicacións exclusivas, mentres unha gran maioría de concelleiras e concelleiros dan tempo e esforzo, de forma altruísta, sen cobrar máis que por asistencia a pleno.

A mesma repulsa provoca ver a emoción con que moita xente recibe a noticia de que se van recortar, nun 20% máis, as subvencións a sindicatos e partidos políticos (si tamén ás organizacións empresariais, mais esas teñen de onde sacar).

O recorte do financiamento a partidos políticos é o que provoca a adhesión máis entusiasta. Porén coido que se trata do máis grave ataque ao pluralismo político e ao propio sistema democrático desde a ditadura. O financiamento público, en función da representación, é o único que garante transparencia e independencia fronte a outros poderes. Eliminalo supón garantir campañas electorais millonarias e disposición de cartos abondos para representación política daqueles que, como o Partido Popular ou o PSOE, están sustentados por empresas e entidades financeiras con escuros intereses que non coinciden, nin cos intereses, nin coas necesidades do común dos mortais. Cartos que provocan a dependencia e unha xestión política dirixida a pagar os favores e/ou débedas contraídas con quen propiciou a súa chegada ao poder.

É un gravísimo ataque ao pluralismo, porque ten a pretensión de levar á marxinalidade, dificultar o traballo político ou facer campañas testemuñais a quen nunca terá o apoio dos poderes fácticos, porque os intereses que defenden coliden cos deses grupos de presión que tan a resgardo se van sentir con esta nova estocada ao sistema democrático.

O recorte doutro tanto no financiamento ás organizacións sindicais é máis do mesmo. Os argumentos veñen ser idénticos que no caso das organizacións políticas. O grave é que con isto o que se pretende é reducir a capacidade de defensa, reacción e resposta da clase traballadora -a máis agredida, con diferenza con todos estes recortes- pola vía de afogar a quen pode canalizar, organizar e mobilizar o que, doutra forma, é masa informe.

Por iso afirmo que este é un golpe de estado de luva branca. Nin ‘il cavaliere’ o fixo mellor. Uns golpes máis, avanzando nese proceso de recentralización, coa privatización das empresas públicas, das televisións públicas ou coa reforma do código penal -para pasar definitivamente de estado de dereito a estado represivo- e situámonos en 1960 en salarios, condicións de vida e liberdades. Non lles deamos tempo! 

Comentarios