Opinión

Soberanía agora

Contra o que indicaban os apocalípticos prognósticos dos voceiros da globalización, a soberanía está de volta. Non é unha palabra do pasado: é a promesa do futuro.

Contra o que indicaban os apocalípticos prognósticos dos voceiros da globalización, a soberanía está de volta. Non é unha palabra do pasado: é a promesa do futuro. Os pobos non renuncian a seren o que son e findan por revoltárense contra o totalitarismo cosmopolita, un fetiche alimentado polo capital transnacional, que si ten patria (o Imperio norteamericano, o Reich alemán) e até brazo armado (a OTAN, aí Merkel subordinada a Obama).

Pode parecer paradoxal que o mesmo día que Catalunya vota a súa Declaración de Soberanía saia David Cameron a anunciar que o Reino Unido votará en referendo a súa pertenza ou non á Unión Europea. Non o é. A soberanía ábrese paso e faino sob formas distintas (até apela a ela un Estado que oprime nacionalmente a nacións como Escocia, Gales e Irlanda).


"Unha historia de opresión totalitaria continúa a premer sobre as elites de poder españolas"


O Estado español, como magnificamente ilustrou o suplemento AFONDO que inseriu o número 31 do semanario Sermos Galiza, é estremamente alérxico a aceitar a soberanía. Éo porque en realidade é estremamente alérxico a aceitar a democracia. O peso dunha historia de opresión totalitaria (contra o Islam, contra as populacións indíxenas na América, contra o avanzo da razón ilustrada) continúa a premer sobre as elites de poder españolas. Deberían ollar cara o conservador Cameron, capaz de negociar co SNP un referendo para Escocia. 

Quer queiran quer non, a soberanía está aquí para ficar. Tamén en Galiza. Falta acumular máis forzas. Un sector importantísimo da nosa sociedade é o que demanda.

Comentarios