Opinión

Palabras que as leva o vento

Chegaron as eleicións. E, coma cada vez que hai cita coas urnas, as comparecencias dividiranse en balances e promesas.

Chegaron as eleicións. E, coma cada vez que hai cita coas urnas, as comparecencias dividiranse en balances e promesas. 

Por un lado, asistimos atónit@s, unha vez máis, a unha (pre)campaña eleitoral chea de valoracións positivas, de presentacións de balances con resultados ideais por parte dun Partido Popular ben falto de valentía e de autocrítica para non ser quen de presentarse ante a cidadanía a peito descuberto, coas cifras do seu goberno e cos resultados da súa xestión.

Atopámonos con análises dos tres anos e medio de goberno tan sorprendentes como a presentada a semana pasada na Mariña. Un balance que recolle como éxitos do goberno do Partido Popular a posta en marcha de escolas infantís en varias vilas da comarca, cando todas elas, a excepción da de Alfoz (que non está aberta porque non hai nen@s para usala), foron construídas por gobernos anteriores, como o goberno do BNG na área de Benestar. Un balance que recolle como éxito a entrega de vivendas sociais en Barreiros, Ribadeo e Cervo; todas elas executadas pola Consellería de Vivenda co BNG á fronte e nas que a participación do Partido Popular foi aportar persoas para a foto de entrega de chaves; despois de ter paralizadas as obras durante anos. Un balance que recolle como éxito a apertura dunha residencia en Viveiro que quedou construída do goberno do BNG e que o Partido Popular tivo pechada durante un ano para abrila despois debidamente privatizada.

E por outro lado, asistiremos ao momento promesas. Estamos fart@s de escoitar promesas en época (pre)eleitoral. De feito, case se ten convertido nunha tradición que a cidadanía acolle con normalidade. Esa normalidade que tentan transmitir co manido “son tod@s iguais” e que serve para xustificar o mal que o fan uns co peor que o fixeron ou o farán os outros. Promesas e boas palabras que durante catro semanas encherán titulares de xornais e que as cidadás e cidadáns oirán coma a chuvia do outono.

Porén, na Mariña xa non nos serven as boas palabras. Pase que escoitemos un balance falseado, demagóxico e irreal; pero o tempo das palabras e declaracións de intencións xa está esgotado na nosa comarca. Que a día de hoxe, coa pantasma do peche de Alcoa sobre as nosas cabezas, quen ten capacidade para intervir se adique a escribir artigos de opinión e a pregoar as boas intencións aos catro ventos é un insulto á intelixencia das e dos mariñáns. Os 2.000 postos de traballo non son só unha cifra, non son un número dos que aguanta o papel. Os 2.000 postos de traballo son 2.000 homes e mulleres,  son 2.000 familias que viven directamente da fábrica e son miles de familias que viven do seu gasto.

O problema nestes casos é o de sempre: que as palabras lévaas o vento. E o problema na Galiza tamén é o de sempre: quen é o dono do noso vento? Por que non podemos na Galiza ter un marco tarifario propio, adaptado aos custes que ten a enerxía na nosa nación e que nos permita ser competitivos e gozar dun sector industrial forte capaz de xerar postos de traballo na nosa Terra?

É o momento de axir, de respostar, de amosar as cartas e de plantarse ante a xente sen carautas. É o momento de poñer derriba da mesa solucións políticas como as que se puxeron para salvar outros postos de traballo noutras zonas do Estado. E é o momento de que as mariñás e os mariñáns, de que as galegas e os galegos, digamos ben forte e de xeito simbólico: o noso vento é noso. E o noso vento levará as vosas palabras.

Comentarios