Opinión

Obxectivos, práctica e estratexia

Nos procesos electorais as persoas máis informadas preguntan normalmente polos programas, ou sexa, pola caracterización da situación e obxectivos que se marca cada forza para o período lexislativo. Despois na campaña ademais, debátese abondo sobre a práctica de cada alternativa, o que parece lóxico xa que moitas veces o que se propón fica desvirtuado polo que despois se fai.

Nos procesos electorais as persoas máis informadas preguntan normalmente polos programas, ou sexa, pola caracterización da situación e obxectivos que se marca cada forza para o período lexislativo. Despois na campaña ademais, debátese abondo sobre a práctica de cada alternativa, o que parece lóxico xa que moitas veces o que se propón fica desvirtuado polo que despois se fai. Poucas veces se fala de estratexia, de cales van ser os medios e o camiño para conseguir os obxectivos que se propoñen. E, nembargantes, estratexia, práctica, caracterización e obxectivos, están intimamente relacionados, son partes dun todo. Agora ben, a estratexia é fundamental para as forzas alternativas ao sistema, especialmente no contexto da globalización neoliberal, cunha inmensa hexemonía das clases dominantes, xa que clarifica o camiño para avanzar na construción dunha sociedade máis xusta e libre. Evitando así o derrotismo, o mesianismo, a fragmentación, e todas as doenzas que se sementan dende o poder na esquerda e que impiden superar etapas.

Neste aspecto coido que o BNG, neste proceso electoral, está facendo un esforzo de clarificación do proxecto político, pondo énfase no plano argumental fronte á consigna, tratando a cuestión estratéxica, especialmente a medio prazo mais tamén aquela que afecta un período máis longo. Por iso dálle un papel fundamental ás competencias exclusivas da autonomía, a un banco público, a ter representación na UE, e a un Estado multinacional e o dereito de autodeterminación Evidentemente para avanzar por esta vía non abonda coa vontade, compre fortalecer o suxeito político, aumentar a participación social, ampliar ao máximo a democracia, mudar a correlación de forzas e ter os medios necesarios (competencias). Non é unha cuestión menor xerar conciencia nacional e social, porén tamén ter clarificado o camiño, por máis difícil e longo que sexa; só así se pode contar cunha militancia activa, convencer aos sectores máis avanzados da sociedade e gañar á maioría social.

Pola súa banda, os partidos sistémicos propoñen máis do mesmo, con algunhas correccións á dereita e á esquerda, segundo a sensibilidade social, no primeiro caso lévannos polo camiño de Grecia, e no segundo, polo dos retallos de Hollande. A globalización neoliberal estreitou as diferenzas entre os partidos sistémicos, algo que a poboación comprende intuitivamente, por iso castiga tanto ao PP como ao PSOE na intención de voto. É un paso, mais non chega, se o noxo fica perdido na abstención ou no voto a partidos incapaces de construír unha alternativa (repito, non de ofrecer, senón de construír, que é a diferenza entre a praxe e a teoría e polo tanto un salto cualitativo). Neste aspecto resulta práctico, mais tamén politicamente pedagóxico, no relativo á estratexia, que o BNG faga tanto fincapé na necesidade de concentrar o voto, para que o PP non acade a maioría. Asemade, é unha reflexión importante a facer, se o proxecto se debe sustentar nunha forte estrutura colectiva, política e social, ou se abonda cunha forza de cadros e unha ou varias figuras mediáticas, que dependen da conxuntura e das tácticas do poder. Neste aspecto cómpre lembrar as clarificadoras estrofas da internacional “non hai salvadores supremos, nen Rei, nen tribuno, nen Deus, temos que salvarnos nós mesmos, o pobo traballador”.

No marco da Unión Europea, e neste momento histórico, todo indica que o nacionalismo galego só pode avanzar se é capaz de acumular amplas forzas sociais, moi politizadas. Non abonda daquela cos sentimentos identitarios, nen coa loita de clases, compre ter perspectiva histórica e albiscar os escenarios futuros posíbeis, ou sexa: socializar o proxecto e a súa estratexia de loita polo poder. En resumo, que o PP non revalide na Xunta é importante, porén en todo momento é transcendental para o pobo galego fortalecer o suxeito político e social para a liberación. 

Manuel Mera