Opinión

O pobo traballador galego en loita

Pasaron case cinco anos do inicio da vixente crise sistémica. A burbulla da especulación financeira, nomeadamente hipotecaria, foi un dos seus principais desencadeantes. Porén, o que levamos de crise amosounos que esta é estrutural, sistémica.

Pasaron case cinco anos do inicio da vixente crise sistémica. A burbulla da especulación financeira, nomeadamente hipotecaria, foi un dos seus principais desencadeantes. Porén, o que levamos de crise amosounos que esta é estrutural, sistémica.

O capitalismo, na súa fase da globalización imperialista, entrou da man do neoliberalismo nun proceso de colapso a nivel internacional. A reacción da clase dominante, da oligarquía empresarial e do capital, ten sido aproveitar precisamente este marco de crise para resolvela no seu favor en prexuízo da maioría social.

Ao cabo, a crise capitalista que estamos a vivir supón unha agudización do confronto entre os irreconciliábeis intereses da maioría explotada e os da minoría explotadora. Unha agudización da loita de clases, na que contrastan as arelas dunha minoría cada vez máis rica e poderosa e as da maioría a cada día máis empobrecida. Un conflito que non é novo.

Ao longo destes anos constatamos como o poder político exercido a través de gobernos do eixo neoliberal (PP-PSOE) tomou partido neste conflito en favor do grande empresariado e do capital financeiro. Gobernaron, e gobernan, contra o pobo. Recortaron dereitos e liberdades, precarizaron até o extremo as condicións de traballo, empobreceron inda máis pensións e salarios, iniciaron a demolición de servizos públicos básicos como sanidade ou educación, desmantelaron a economía produtiva condenando ao desemprego e á miseria a milleiros e milleiros de familias traballadoras. E ao tempo seguiron a engordar a insaciábel banca privada e aos oligarcas, transferíndolles inxentes cantidades de diñeiro público. A política do saqueo: os ricos rouban ás/aos pobres!

O pobo traballador galego padecemos ademais a falta de soberanía política e o feito de que a actual Xunta de Galiza, en mans do Partido Popular, unicamente exerza como sucursal dos ditados do PP en Madrid. O único cometido do Goberno Feijóo no noso país ten sido executar a mesma política antisocial do actual goberno central.

Esta situación verifica que o problema central é o de quen detenta o poder político. Un cambio de rumbo en favor da maioría que representamos as clases populares esixe que sexamos nós quen exerzamos o poder, o que na nosa nación pasa ademais pola reivindicación da plena soberanía política que o Estado español nos nega. Un proceso que nesta etapa esixe o fortalecemento da alternativa emancipadora en chave social e nacional que representa a esquerda nacionalista galega, tanto no eido sindical a través da CIG como no político, ampliando o apoio social ao Bloque Nacionalista Galego.

O 1º de maio é unha expresión senlleira do exercicio da nosa dignidade como clase traballadora a través da mobilización. O Día do Internacionalismo Proletario non é unha data ritual. É máis unha oportunidade para reclamármonos, a través da reivindicación e a protesta, un cambio radical da realidade vixente en favor da xustiza social. Motivos non faltan. Razón tampouco.

Pero o 1º de maio é tamén unha data óptima para inserir a nosa loita concreta, aquí e agora, na liña da historia e no espazo social que compartimos a nivel internacional con todas e todos os traballadores do mundo. Porque a súa loita é a nosa. Porque a nosa loita é a súa. A de liberármonos do xugo da explotación de clase.



Comentarios