Opinión

Nin isto é un lock-out nin eu son Amancio Ortega

Imaxino que aínda pode existir xente que considere algo estraño, insólito ou até contraditorio que un empresario se declare a favor dunha folga.

Imaxino que aínda pode existir xente que considere algo estraño, insólito ou até contraditorio que un empresario se declare a favor dunha folga.

Evidentemente esa xente non sabe o que é un autónomo e nunca gozou da proximidade de ningún espécime desta prodixiosa especie que, día a día, gaña terreo nas enlamadas e revoltas augas do subemprego e a precariedade que alagan na actualidade as diferentes categorías da Enquisa de Poboación Activa española.

Quizá sexa bo momento para explicar a eses posibles estrañados lectores que un autónomo é un TRABALLADOR por conta propia, que, ata, nalgunhas ocasións, e no colmo do despropósito, pode chegar a contratar a outros traballadores para formar unha micro-empresa, unha PEME ou calquera outra sociedade de permita a súa subsistencia económico-laboral.

Pero un autónomo é ante todo un individuo e isto que, sen dúbida, pode parecer unha perogrullada digna de Ana Botella, explica mellor que calquera outro longo rollo económico-político-social que vos poida soltar, o innegable feito de que o autónomo está directamente afectado, como calquera outro traballador, por todas aquelas políticas que recortan os seus dereitos sociais, que limitan o seu acceso á sanidade, á educación, que liberalizan o despedimento ou que mutilan os fondos para investigación (imprescindíbeis para a subsistencia de moitos de nós).

O autónomo, por máis empresario que poida chegar a parecer, carece do amparo e cobertura que ofrece a estrutura dunha gran empresa. Ese caparazón legal que permite un completo illamento e protección da cúpula directiva, tanto fronte aos envites fiscais como ante os recortes sociais. Un escudo reflector de cuestionamientos éticos que axuda a ignorar que as ganancias da túa empresa aumentan a custo das perdas doutros, xeralmente empregados teus.

Considero completamente lóxico que os autónomos apoiemos esta folga o 14 de novembro, unha folga en contra de máis recortes e por un cambio nas salvaxes políticas Neocon que están acabando ás alancadas connosco, e coa nosa contorna económica, e creo que a debemos apoiar obviando os nosos posicionamentos ideolóxicos ou cuestionamentos morais, que a secundemos por simple e claro egoísmo, coma se en realidade fósemos grandes empresarios e non os precarios asalariados por conta propia que somos.

Apoio esta folga porque é boa para min como empresario autónomo, xa lavarei a miña conciencia facendo unha doazón a unha ONG, ou, mellor, asistindo á manifestación co resto de traballadores.

Comentarios