Opinión

Muiños de vento e xente sen complexos

Cando na campaña electoral das últimas autonómicas o candidato do PP insistía en que anularía o concurso eólico, algúns pensamos que tal cousa nunca ía ocorrer. Parecía pouco menos que imposible que Feijoo chegase a ser presidente, mais aínda acontecendo ese feito infausto, a calquera con mínimos coñecementos xurídico-administrativos o da anulación soaríalle a tolería.

Cando na campaña electoral das últimas autonómicas o candidato do PP insistía en que anularía o concurso eólico, algúns pensamos que tal cousa nunca ía ocorrer. Parecía pouco menos que imposible que Feijoo chegase a ser presidente, mais aínda acontecendo ese feito infausto, a calquera con mínimos coñecementos xurídico-administrativos o da anulación soaríalle a tolería.

Pero o negocio chamáballes a atención, eran demasiados cartos como para non meter os fuciños. Así que cimentaron a operación de derribo do concurso na suposta ilegalidade do Decreto en base ó cal se convocara. Cando a administración considera que un decreto pode ser ilegal, tén que proceder a fiscalizar esa norma polos cauces previstos na lei. Non o fixeron, seguramente para evitar ter que recabar o dictame do Consello Consultivo. En troques, artellaron un entramado xurídico de ínfima calidade e nula adecuación a dereito, de suspenso seguro en segundo de carreira, consistente no emprego sucesivo da medida cautelar de suspensión dos procedementos, e posteriormente na desistencia unilateral dos mesmos, nova Lei eólica do 2009 de por medio, pois con certeza a algún analfabeto xurídico se lle ocorriu que vencellando esta trangallada a unha nova regulación, quedaba todo santificado.

Como acaba de concluir a recente sentenza do TSXG, empregar a medida cautelar de suspensión nese contexto é unha desviación de poder, unha utilización de potestades de actuación administrativa para fins distintos ós previstos no ordenamento xurídico. Cando comencen a ditarse as sentenzas polo desestimento, probablemente volveremos ás mesmas, pois tampouco o desestimento, tal e como se operou, está amparado en lei algunha. A desviación de poder implica a nulidade de pleno dereito do acto dictado. E o que vén a partires de ahí, xa se sabe: responsabilidade patrimonial da administración por danos causados e mesmo por lucros cesantes, e iso sen ter en conta o que poida pasar cos adxudicatarios do novo concurso, que rematarán nas mesmas.

Cando a administración adopta resolucións como a de suspender cautelarmente ou a de desistir, sustenta tales decisións en informes internos. No asunto eólico, os informes emitidos pola asesoría xurídica xeral da Xunta de Galicia son abraiantes. Por exemplo, alúdese como existentes a salvedades de legalidade que o Consello Consultivo fixera no seu momento a respeito do proxecto de Decreto, e que posteriormente foran corrixidas na versión aprobada. Ou arguméntase acerca da suposta inadecuación ó dereito comunitario do procedemento de selección de proxectos definido por aquel decreto, cando posteriormente foi o que se mantivo na nova Lei.
Dende a perspectiva xurídico-administrativa, todo esto resulta bastante simple e claro, e non queda outra que esperar a que vaian saindo sentenzas. Falta nesta película, aínda que xa chegará, a dimensión penal. No entanto, perdeuse unha oportunidade de ouro para poner en valor un recurso estratéxico como é o factor de capacidade eólica do país, e a maiores diso, teremos que colectivizar, coma sempre, unhas indemnizacións multimillonarias.

As xentes da dereita española, cando toca gobernar, son xentes sen complexos. Aí temos a Feijoo, ideólogo desta ruina, dando noxo, quitando peito polo mundo adiante por ter sido tan aforradorciño. Ó pouco de que se ditasen as resolucións de desistencia dos procedementos, quen escribe estas liñas perguntoulle ao entón secretario xeral da consellería qué pensaban facer cando estoupara a bomba que estaban creando. A resposta foi que non entendía nada do que lle estaba dicindo, mais que eles asumían totalmente as consecuencias dos seus actos. Preocupoume seriamente que non entendese nada, e así llo fixen saber, pois semellaba que realmente non mentía. Alomenos espero que agora que non llo digo eu, senón unha Sala da xurisdicción contencioso-administrativa, entenda algo.

Fernando de Abel Vilela
Doutor en Dereito. Profesor titular de Dereito Administrativo da USC

Comentarios