Opinión

Golpe de estado á democracia

A Feijoo non lle saen as contas e, vendo en perigo a continuidade do Partido Popular na Xunta, anunciou que vai optar por un golpe de estado á democracia, diminuíndo o numero de deputados/as do Parlamento autonómico, dos 75 actuais a 60, baixo o sobado argumento da austeridade. Sería un grave atentado contra os dereitos democráticos e o respecto da vontade popular.

A Feijoo non lle saen as contas e, vendo en perigo a continuidade do Partido Popular na Xunta, anunciou que vai optar por un golpe de estado á democracia, diminuíndo o numero de deputados/as do Parlamento autonómico, dos 75 actuais a 60, baixo o sobado argumento da austeridade. Sería un grave atentado contra os dereitos democráticos e o respecto da vontade popular. Unha representatividade xa hoxe moi afectada, porque nunha circunscrición electoral como A Coruña son necesarios 26.000 votos para obter un deputado e en Lugo só 14.000 (sen que servira para evitar a perda de peso das provincias do interior). Así como pola imposición dun chanzo do 5% para poder optar a un deputado/a. Con esta diminución os criterios serían aínda máis restritivos, en beneficio exclusivo das forzas con maior número de votos. Na práctica a reforma que propón o presidente da Xunta de Galiza fortalece a abstención, que xa é moi alta no noso país, ademais de aumentar o número de votantes que van carecer de representación.

Todo indica que a pretensión real do PP é que, dada a fragmentación da oposición, esta perda o máximo posíbel de votos, e rebaixa o número de deputados/as, para deste xeito compensar a caída electoral. Pretende solucionar os seus erros e unha política de costas ao país e ás clases populares con métodos administrativos, estreitando dereitos e esmagando a pluralidade, aproveitando a súa maioría actual no Parlamento autonómico. Esta proposta ren ten de austera, é unha ruptura coas regras de xogo pactadas ao inicio da transición, para favorecer a súa permanencia á fronte da Xunta.

O aforro que acadaría con esta redución de deputados/as é mínimo. Podía conseguilo rebaixando ingresos e compensacións dos parlamentarios/as, sen afectar á representación popular. Asemade, non pode diminuír na mesma porcentaxe o resto dos servizos do Parlamento, a menos que do que se trate sexa de facer inoperante esta institución. A estratexia do PP semella ser deixalo todo en mans de Madrid, Bruxelas e os “mercados”, mentres vai baleirando de contido o chamado Estado das Autonomías. Coa mesma teima dálle azos a institucións mortas e de costas á realidade económica e social actual como son as deputacións, nun proceso calculado e sistemático de lles restar ás autonomías competencias e medios, recorrendo para arroupar esta tarefa ao patrioterismo imperialista e ao localismo.

O Partido Popular máis unha vez amosa o seu carácter reaccionario, regresivo a todos os niveis, indo en sentido contrario á realidade social. O lóxico e democrático sería que Galiza fose circunscrición única, que non houbese límite mínimo de votos para obtención de representación, e que esta respondese a criterios de proporcionalidade cos resultados obtidos por cada opción política. Só desde aqueles que ven a súa presenza no Parlamento galego como un recoñecemento para os que forman parte da “clase política”, ou sexa como unha profesión e non como unha dedicación militante ao servizo do país, pódese ver a máxima institución representativa de Galiza desde a óptica da austeridade. Un aforro que sería ridículo, cando se gasta moitas veces máis en actos, subvencións e investimentos non xustificados (comezando pola Cidade da Cultura e seguindo polo novo hospital de Vigo que triplica o seu custe coa privatización).

Comentarios