Opinión

Feijóo-Jorquera-Vázquez

Durante o torneo triangular Feijóo-Jorquera-Vázquez debo confesar que estiven máis pendente do reloxo que marcaba os tempos que dos discursos dos contendentes. Que se a fulano lle restaban vinte segundos, que se mengano se pasaba oito, vintedous! Que eses números se poñían vermellos e parecía que algo ía estoupar... Ás veces o tempo avanzaba e ás veces era unha conta atrás.

Durante o torneo triangular Feijóo-Jorquera-Vázquez debo confesar que estiven máis pendente do reloxo que marcaba os tempos que dos discursos dos contendentes. Que se a fulano lle restaban vinte segundos, que se mengano se pasaba oito, vintedous! Que eses números se poñían vermellos e parecía que algo ía estoupar...

Ás veces o tempo avanzaba e ás veces era unha conta atrás. A moderadora xa presentara os debates coma un espectáculo de precisión cronométrica, e cumpriu. En ocasións eu cismaba que non era igual de condescendente cando se pasaba un que cando se pasaba outro, ou que non lles sorría igual a todos, pero logo compensaba. Se un non consumía o tempo, perdíao. Se se excedía, descontábanllo na conclusión. Estaba todo moi ben pensado e non se podía dicir que non fose xusto, ou equitativo, ou matematicamente coherente.

Non sei se os debatentes terían á vista un reloxo ou unha luz vermella, seguramente un reloxo. Por momentos notábase que desviaban a ollada para a pantalla co cronómetro e apuraban a frase, ou enchían con repeticións e tópicos para non regalar a quenda, coma quen bebe ata a última pinga do tróspiro de tequila, ou de vodka, demostrando así que non se vai arrichar e é tan valente coma os demais. Se hai que encher dous minutos, énchense. Se hai que encher un, énchese tamén.

Máis non deixaban de ser humanos e, coma os participantes en calquera concurso, dubidaban se era mellor arriscar cunha resposta incerta ou deixar que transcorrese o tempo sen pifiala: a algún non lle daban pasado os segundos e de boa gana se plantaría, se non suaban é porque a temperatura estaba baixo control. Non sei como aos da televisión non se lles ocorreu engadir unha fita inferior de SMS e unha votación simultánea dos espectadores, coma a de Intereconomía: sácanse uns euriños e vese o efecto que cada argumento causa na barra de porcentaxes. Entre iso e os segundos a audiencia ficaría presa, mesmerizada.

Para min o máis forte foi darme conta que estaba a ver a TVG, unha canle que levaba anos arrombada no faiado do meu mando a distancia, entre a teletenda, as botadoras de cartas e a radio de Jiménez Losantos. Vin tamén que Jorquera non levaba gravata e os outros si. Feijóo e Pachi vestían case igual (Neses casos unha chamadiña a tempo evita situacións incómodas, sábeo calquera adolescente). Vin que Feijóo tiña máis pelo que Vázquez e Vázquez máis que Jorquera. Falouse do Deportivo e dos mundos de Yupi e gustáronme os vasos de auga, coma de whisky on the rocks.

Os tres debían estar moi de acordo con MacLuhan no de que o medio é a mensaxe porque ningún quixo contribuír á cacofonía con mensaxes propias. Asemade, todos dixeran a conto das protestas na rúa dos últimos tempos que “eles” entenderan a mensaxe. Á hora da verdade non quixeron engadir máis mensaxes ao lume, era máis práctico conformarse coas seccións estipuladas, as quendas de palabra e o cronómetro omnipresente. Só Jorquera amagou coa creación dunha banca pública e unha facenda propia, e coa eliminación das Deputacións, pero sen facer sangue porque de chegar ao goberno todo cambio ía ser un Rubicón.

Total, que o PP satisfeito porque evita o debate a tres. O BNG satisfeito porque se iguala en cota de share e franxa de prime time co PSOE, ao tempo que evita compartir plató co avó das barbas brancas especialista en arruinarlles festas. E o PSOE, por algún misterioso motivo, coma se tomase algún estimulante, parece que tamén satisfeito. Mellor para eles. Nós prefeririamos ese estudio de televisión embarullado e ateigado de atrís, coas guedellas de Beiras, os lentes magnéticos de Mario Conde e a barba recurtada do fillo de Cuíña, sen cronómetros. Non me digades que non, e que o programa non se chamase O Debate, que tivese un nome. Sálvame xa está collido. Que tal Rescátame?    

Comentarios