Opinión

Democradura (I): o partido.

Libra do procesamento xudicial contra todo sentido común a filla do rei que Franco nomeu. O rei que Franco nomeu tivo e/ou ten unha conta millonaria no paraíso fiscal de Suíza. No paraíso fiscal de Suíza tiña varias contas Luís Bárcenas, o extesoureiro do Partido Popular.  O extesoureiro do partido que, segundo a propia policía, recibiu doazóns fóra da lei. Na casa, o presidente da Xunta, do partido financiado ilegalmente e do tesoureiro con contas en paraíso fiscal, négase a dar explicacións das súas relacións cun narcotraficante mentres era alto cargo da consellaría de Sanidade. Todos tolos, non?

Libra do procesamento xudicial contra todo sentido común a filla do rei que Franco nomeu. O rei que Franco nomeu tivo e/ou ten unha conta millonaria no paraíso fiscal de Suíza. No paraíso fiscal de Suíza tiña varias contas Luís Bárcenas, o extesoureiro do Partido Popular.  O extesoureiro do partido que, segundo a propia policía, recibiu doazóns fóra da lei. Na casa, o presidente da Xunta, do partido financiado ilegalmente e do tesoureiro con contas en paraíso fiscal, négase a dar explicacións das súas relacións cun narcotraficante mentres era alto cargo da consellaría de Sanidade. Todos tolos, non?

Pero, que está a pasar realmente?

O esfarelamento do PSOE resultou no ascenso do neofalanxista Partido Popular ao maior grao de concentración de poder da democracia da II Restauración Borbónica concentrando o 53% do Congreso,  o 60% do Senado, o 76% das Autonomías, o 75% das Deputacións provinciais e o 44,4% dos Concellos. No caso galego, o PP concentra o 54% do Parlamento, o 65% dos congresistas e o 73% dos senadores por Galicia, o 52% dos edís, o 75% das Deputacións e  goberna o 69% dos Concellos. Unha concentración de poder case total.

"No caso galego, o PP concentra o 54% do Parlamento, o 65% dos congresistas e o 73% dos senadores por Galicia, o 52% dos edís, o 75% das Deputacións e  goberna o 69% dos Concellos. Unha concentración de poder case total".

Qué pretende o neofalanxista Partido Popular desde a súa posición dominante?

Durante a II Restauración o PP ten sido o partido dominante na Galicia mentres que o PSOE o era a nivel de Estado nunha relación de contrapesos interinstitucionais e de alternancias periódicas. Tras os últimos resultados electorais, a posición excepcional do PP habilitouno a pretender erixirse como partido hexemónico ideolóxico. Cambiar as regras de xogo sen modificar unha coma da Constitución ou das leis fundamentais. De momento, claro. 

Qué é un partido hexemónico ideolóxico?

Os réximes de partido hexemónico permiten a competición electoral formal e canda a acción de goberno do partido hexemónico permítese o desenvolvemento das actividades propias da oposición porque esta non ten a capacidade de substituílo no poder. Para isto, o partido no poder desenvolve múltiplas iniciativas legais, paralegais ou ilegais. A carretaxe de votantes, o estabelecemento de relacións clientelares, prácticas nepóticas ou diretamente corrutas conxugan con reformas legais que favorecen os intereses eleitorais do partido en cuestión. 

Supoño que non é preciso lembrar o procesamento de Baltar, as infinitas denuncias por carretaxe ou as distintas ramificacións da Gürtel para constatar como traballa os seus resultados electorais o PP. No caso galego, o PP está decidido a reformar a lei eleitoral para reducir o número de parlamentarios, o que derivará nunha maior disparidade entre o voto emitido e a asignación de escanos. Facilitando, definitivamente, a obtención de maiorías absolutas do PP en base ao efeito combinado da tendencia maioritaria do sistema D’Hont de asignación de escanos, asigna escanos por riba da súa % de voto ao partido maioritario, e a sobrerrepresentación das provincias interiores, acentuada no reparto territorial da reforma proposta e garantida grazas ao mínimo de 10 escanos por territorio.

Pero o proxecto hexemónico do PP non pode sosterse exclusivamente nunha circunstacial posición dominante derivada do afundimento do PSOE e a crise do sistema de partidos tradicional, o PSOE podería recuperarse ou podería emerxer outra forza alternativa progresista. Tampouco pode asentarse sobre unha posición pragmática e centrista amparada nunha expansión das clases medias, por unha parte, e do consumo, por outra, acentuando a ideoloxía individualista e a ilusión de benestar. O ‘España va bien’ aznariano é tan ilusorio coma anacrónico. 

"o obxectivo é a polarización política e social da sociedade entre un bloque de afíns e beneficiarios do réxime e un conxunto invertebrado de protestas facilmente etiquetábeis e condenábeis como antipatrióticas, ilegais, violentas, etc "

O PP só pode transformar o precario sistema político democrático da II Restauración nun sistema de partido hexemónico mediante a modulación da sociedade en base ao seu proxecto ideolóxico. Neste eido é onde o goberno estatal está a facer a súa labor máis sistemática: primeiro, debilitaron a capacidade negociadora e antagonista das clases traballadoras coa contrarreforma laboral máis brutal da historia contemporánea; segundo, están a desmontar e comercializar, peza a peza, paseniño, mais sen descanso, o pequeno sistema de seguridade do que gozaba a sociedade, os servizos públicos e sociais coma sanidade, dependencia, sistema de pensións, etc; terceiro, están creando un novo réxime social disciplinario, coa transformación do sistema educativo nun instrumento adoutrinador (nunha versión actualizada do nacional-catolicismo) e clasista, coa reforma da lei do aborto, a reforma da xustiza, xa só para os ricos, e coas novas medidas represivas implementadas. Obviamente o obxectivo é a polarización política e social da sociedade entre un bloque de afíns e beneficiarios do réxime e un conxunto invertebrado de protestas facilmente etiquetábeis e condenábeis como antipatrióticas, ilegais, violentas, etc 

A práctica inexistencia de medios comerciais de comunicación de masas que se opoñan frontalmente a esta manobra autoritaria (o ‘periodismo de investigación’ sobre a Gürtel, por exemplo, resposta máis a disidencias internas do PP que à defensa do pluralismo político e da limpeza no exercicio da política polos medios de comunicación implicados) e uniformidade conservadora case total está a derivar nunha situación aparentemente absurda de crecente descontento e prática inexistencia de protesto que se pode cualificar de abulia xeralizada. O clima social preciso para o salto cualitativo que o PP quere dar: da democracia à democradura.

Comentarios