Opinión

Barra americana á vella usanza

"Abrir unha barra americana á vella usanza”, esta foi a solución proposta por un mozo para crear emprego, á vista do resultado do referendo celebrado o domingo 3 de xuño, no seu pobo de Guijo de Galisteo (Cáceres). A cidadanía había de decidir se os 30.000 euros debían seguir destinándose aos festexos taurinos ou inverterse en crear emprego.

"Abrir unha barra americana á vella usanza”, esta foi a solución proposta por un mozo para crear emprego, á vista do resultado do referendo celebrado o domingo 3 de xuño, no seu pobo de Guijo de Galisteo (Cáceres). A cidadanía había de decidir se os 30.000 euros debían seguir destinándose aos festexos taurinos ou inverterse en crear emprego. Pese a que o municipio de Guijo de Galisteo decidiu o emprego, a paixón festeira das dúas aldeas dependentes del, Valrío e Batán, inclinou a balanza a favor dos touros, así que os rexedores decidiron que “Farían en cada pobo o desexo de cada pobo”.

Lonxe de eloxiar o talante democrático do Concello en cuestión, ocórreseme pensar no cómodo que resulta o populismo. Desde logo, moito máis cómodo que tratar de reconducir a un pobo cara a outros modos de goce menos salvaxes que correr entre hastados, tirarlles do rabo ou facerlles mil falcatruadas ata matalos.

Pola miña banda opino que certas decisións non se poden deixar en mans do pobo; o caso de Guijo de Galisteo é un exemplo miúdo das insensateces que cometen a miúdo os políticos obsesionados polo ruxerruxe.

Máis debería preocupar á corporación do devandito concello a compoñente violenta que mana dese tipo de espectáculos. Porque o rapaz non estivo desacertado ao vincular a barra americana cos festexos taurinos (ou con tantos outros espectáculos primitivos). Seguramente presenciou desde a súa infancia o subidón testosterónico dos asistentes ás festas do seu pobo; e como a loita home-fera só podía desembocar do xeito máis ancestral: “á vella usanza”, como se non, nos prostíbulos.

O asunto está candente. Estes días a Eurocopa de fútbol volve remexer conscientes e inconscientes colectivos e, sen descartar o popular poder terapéutico do campionato fronte ao pesimismo contaxioso que nos domina, vexo que a pipa de opio-do-pobo está máis cargado que nunca.

Mentres escoito os cánticos de celebración do meu equipo (por tradición familiar) e as simplezas propias destes estados de transo, penso nas feministas ucraínas advertindo que os campionatos de fútbol xeran un enorme movemento de capital que non provén soamente do deporte senón da prostitución: do mercadeo de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

Prostitución de G20, de corpos secretos, de campionato futboleiro ou de touradas; agora grazas ás feministas ucraínas, cada vez que se escoite un “ole” ou un “goool”, remontarémonos as outras celebracións, as que, con maior ou menor luxo, desembocan na “barra americana á vella usanza”; que primitiva sociedade!

Comentarios