Opinión

15-S: a soberanía, na rúa

Se algo está a demostrar a evolución da crise na Galiza -a parálise dos nosos sectores estratéxicos, o devalo demográfico

Se algo está a demostrar a evolución da crise na Galiza -a parálise dos nosos sectores estratéxicos, o devalo demográfico, a destrución do territorio, a drenaxe do aforro acumulado ao longo de varias xeracións de galegas e galegos...- é que o actual marco político non nos serve para saírmos desta e colocármonos noutro patamar, o que nos pode levar cara ao progreso colectivo.

De nada nos serven unhas institucións que non teñen capacidade de resposta nin competencias para incidir de forma positiva na resolución dos nosos problemas, xa non só os económicos, mais tamén aqueles que teñen a ver coa nosa identidade, a comezar pola nosa lingua, cada vez máis vulnerábel.

A cuestión, logo, é apostar na ruptura e esquecerse de movementos de curto alcance, de pretensos reformismos que non son tal cousa, senón a perpetuación do statu quo. E apostar na ruptura é apostar na soberanía, na asunción por parte da nosa sociedade dun poder político merecente de tal nome.

Hai que apostar na ruptura e esquecerse de movementos de curto alcance, de pretensos reformismos que non son tal cousa, senón a perpetuación do statu quo

Xorde entón inevitabelmente o asunto do timing. De acordo, a soberanía é importante, conceden algúns sectores, mais talvez non sexa este o momento, tal vez primeiro haxa que tomar conta das demandas concretas da xente. O argumento dilatorio é unha trampa: despois dunha dilación vén outra e así até o infinito. Nunca é o momento para aqueles que, na realidade, están noutra órbita ideolóxica, unha na que a prioridade nin é nin será o pleno desenvolvemento dos nosos dereitos nacionais.

Realmente o momento é xa. É agora. Por iso saudamos desde estas páxinas, como moi positiva, a convocatoria que o BNG realiza para este domingo 15 de Setembro, unha grande manifestación nacional sob o lema de Por unha Patria Soberana. Ese é o camiño. A construción da soberanía desde a rúa, coa participación de todas e de todos. Non podemos ficar atrás mentres o Yes Scotland avanza e 300.000 patriotas cataláns compoñen unha cadea xigante pola liberdade. Non hai tempo que perder; sexamos unha nación que toma nas mans as rédeas do seu futuro.

Comentarios