Opinión

Mentres fuxías: folga no sector público galego

Os tempos son chegados para as traballadoras das administracións públicas. No mes de decembro aprobouse a Lei 21/2020 para a Redución da Temporalidade. A norma foi pelexada nas rúas polas traballadoras, que lograron un paso adiante pola consolidación dos seus postos de traballo tras anos de servizo a pesar da oposición das grandes corporacións sindicais gobernamentais.

A sucesivas crises foron escusa para os recortes orzamentarios no ámbito social mentres se mantiñan as contas intactas dos xestores do capital. Foron anos de recortes de persoal e depauperamento dos servizos públicos que nos foron impostos incidindo directamente nas vidas da clase obreira do sector privado e público.

Os mecanismos de precarización a favor do capital no eido público foron numerosos: incremento de contratos temporais de todo tipo, aumento das medias xornadas, a externalización de servizos, o aumento da subcontratación, a perda do poder adquisitivo con conxelacións e ralentizacións salariais, a funcionarización para fuxir da lexislación laboral, contratos por programas ou obra enmascarando necesidades estruturais, a masificación das aulas e dos servizos sanitarios, a privatizacións das residencias ou o engano da cobertura na rede pública das crianzas de 0-3 entre outros. 

O goberno de Madrid non ten maior preocupación por garantir unha consolidación que acadar a cifra de temporalidade que lle marca a Unión Europea

Toda a clase traballadora sufrimos a precarización do público que deixamos esmorecer nas mans dos plutócratas ata entrar na roda neoliberal da obtención do máximo beneficio. Neste marco abafador, xestouse a lei que pretende a consolidación do emprego público ata reducir a unha cota do 8% a temporalidade. Unha norma ás claras insuficiente para atallar o problema existente e que non ofrece garantías reais contabilizando prazas temporais e esquecéndose das traballadoras que as ocupan, nun novo exercicio de desprezo social dos tecnócratas que nos gobernan.

Non nos enganemos, o goberno de Madrid non ten maior preocupación por garantir unha consolidación que acadar a cifra de temporalidade que lle marca a Unión Europea, unha porcentaxe xa asumida como óptima a pesar de case triplicar a temporalidade "necesaria" para a cobertura realmente temporal no sector público. A cota do 8% o que realmente determina é o acceso aos Fondos Europeos de Recuperación e Resiliencia.

Dicía Castelao: "eu digo que os caciques non son representantes do goberno; o goberno é o representante dos caciques". Na súa literalidade podemos dar traslado ao goberno interino de Feijóo quen, xunto co Director Xeral de Función Pública, decidiu negar ás organizacións sindicais dos comités o dereito á negociación na aplicación da lei que nos ocupa, presentando ofertas de emprego para a obrigada consolidación que deixan fóra de xogo a un gran número de traballadoras precarizadas durante décadas pola administración galega e en risco de despedimento.

As traballadoras da CRTVG, que son ben coñecedoras dos exercicios de manipulación e extorsión dos dirixentes da radiotelevisión pública, acaban de protagonizar o 200 Venres Negros ante as prácticas continuas de abuso de poder da administración, suman unha máis coa negativa á negociación das prazas afectadas. As traballadoras anunciaron contundentes mobilizacións e unha folga tras o anuncio da omisión de 40 prazas na consolidación.

Ao tempo, o profesorado temporal, leva unha infinidade de mobilizacións da man da CUT para o fin da inestabilidade laboral mantida no tempo. As lamentables declaracións do conselleiro sucédense un día tras outro co seu único interese na supervivencia das academias e a confrontación co goberno estatal, sexa propoñendo un currículo alternativo que reforce o estudo do imperio español ou ben negando a lei de consolidación no mausoleo do Gaiás. Pero Román tivo a súa resposta con centos de docentes mobilizados fronte á consellería e cunha multitudinaria protesta do profesorado que percorreu as rúas de Compostela pola estabilidade e que anuncia mobilizacións inmediatas.

A axitación no sector público galego é patente e as rúas están chamadas a ser tomadas de seguirse a negar o dereito á estabilidade das traballadoras sendo responsabilidade de toda a clase obreira asumir esta loita mentres, ti, Feijóo, fuxías.  

Comentarios