Opinión

Fin de curso: exames, prensa e moreas de papeis

Neste mes de xuño o ensino público semella imbuído nunha carreira de fondo ata tocar Esparta e lograr cumprir todos e cada un dos inventos extraeducativos da Consellería de Educación. Non importa moito que centro visites xa que en todos a fartura unida a unha sensación de impotencia vai virando en crispación entre o profesorado.

Xuño é o mes da toma de decisións máis relevantes do curso e no que os docentes acusan unha maior carga de traballo. Porén, está a converterse nunha carreira insalvable na que a avaliación e promoción debe facerse entre moreas de informes, elaboración de material de recuperación para os suspensos e de ampliación para os aprobados e múltiples cambios normativos. Atopámonos coa implantación de novos currículos para o próximo curso aínda sen concretar, a implantación dun novo sistema  informático descoñecido, e cun cambio normativo da LOMLOE que volve reconfigurar o sistema de avaliación.

Por non fose suficiente, neste mes a Consellería de Educación considerou que é o mes idóneo para actividades propagandísticas que reforzan a imaxe da Formación Profesional como espazo de desenvolvemento competitivo no seu afán de ceder cada vez máis espazo ás redes do capital. Este ano estanse a celebrar a 10 días dos exames finais as primeiras probas GaliciaSkills da FP Básica, coa inversión dun tempo do que alumnado e profesorado non dispón nesta altura do ano, coa única finalidade de que o Subdirector Xeral de FP poida saír na fotografía axeitada. Ao mesmo tempo, ese mesmo alumnado é desatendido o resto do ano, sen os necesarios reforzos educativos que as súas especiais circunstancias socioeconómicas precisan para poder titular na ESO, seguir a súa formación e escapar da máis absoluta precarización laboral. Recórtase profesorado de reforzo e ignórase a necesidade de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe para este grupo vulnerable de alumnado, o mesmo que sae nas fotos con Vázquez Mariño.

Pero a maratón no final de curso non finaliza aquí: o 18 de xuño (a tan só 5 días do fin de curso) é tamén a data elixida para comezar os procesos de oposición que levarán a milleiros de docentes a ser tribunais ou opositores. Isto non é nada novo pero este ano, mais si o é ter ao tempo a recuperación coa desaparición dos exames de setembro, sumado á permanencia do alumnado xa aprobado nas aulas. A solución que ofrece a Xunta e os sindicatos da súa corda, é dispensar de acudir ás probas que poden darlles estabilidade no emprego, baixo o pretexto de facer o favor de mantelos nas lista de contratación temporais un ano máis. No lugar de reclamar cambio de datas ou máis persoal, convidan ao profesorado a non ir e seguir como temporais un ano máis e atender así as exixencias do final de curso.

Levamos meses lendo nos medios de comunicación afíns aos gobernos estatal e galego que os interinos van ser estabilizados sen máis, que aqueles que levan dende antes do 2016 dando aulas serán funcionarios por unha lei estatal. A manipulación mediática na creación de tamaña mentira só busca a creación dunha opinión pública, e das propias afectadas, desinformada e acalada, para manter a paz social. Nin hai tal estabilización directa nin hai información veraz arredor destes procesos.

A Lei de Redución da Temporalidade proporciona as ferramentas necesarias para acabar coa precarización dos docentes temporais, de ser correctamente aplicada, pero a Xunta de Galicia, co cómplice silencio sindical, decidiu non facelo cunha oferta na que máis da metade do persoal temporal verá frustrada a obtención dunha praza estable tras anos de peregrinación polos centros de ensino galegos.

A inacción ante esta actitude da consellería pasará factura ao espazo sindical do ensino, completamente afastado da realidade do profesorado temporal e que non foi quen de poñer unha soa pedra á última gran xogada de Feijóo: a negativa á estabilización do profesorado galego.

Milleiros de docentes agardamos un xiro que determine outro rumbo no ensino galego, que nos saque dunha vez desta vía morta de pactismo e consentimento ante Rueda e Román e dea voz a un sindicalismo combativo.

Comentarios