Opinión

O mar, o mar que os foi levar

Nestas datas cúmprese o primeiro aniversario do naufraxio do Villa de Pitanxo nas augas xélidas de Terranova e de novo volvemos lembrar a dor, a desesperación e a indefensión de todas as familias que perderon un, ou nalgún caso varios, dos seus seres queridos nese accidente marítimo.

As reaccións psicolóxicas que aparecen nas persoas afectadas por este tipo de sucesos son moi intensas, de aí a necesidade de proporcionarlles atención psicolóxica desde os primeiros momentos. Desde o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias son moitos os naufraxios que levamos atendidos durante os nosos 27 anos de historia. O Bahía, o Safrán, o Cordero, o Santa Ana… E son tantas as historias que hai detrás de cada mariñeiro que desaparece ou  falece nun naufraxio como familias rotas pola dor atopamos. Historias que, en moitas ocasións, tamén acumulan a perda de máis seres queridos nas mesmas circunstancias ao longo do seu ciclo vital. Os dós por un avó, por un pai, por un marido, por un irmán, por un fillo acumúlanse…, como se fose unha maldición familiar da que non poden escapar.

Todo comeza coa comunicación da peor das noticias. O modo en que se recibe esta información é moi importante para os afectados e pode incluso ser determinante na evolución do dó posterior. A partir de aí, desátase unha longa batalla de emocións que atorden, confunden, bloquean e envelenan, mentres os familiares loitan entre a negación e a aceptación de tan tráxica realidade. Nos primeiros momentos mantense a esperanza de atopalo con vida. Poden ser horas, días ou incluso semanas. O tempo transcorre a modo e a desesperación convive coa rabia por non poder facer nada máis. As informacións que reciben son confusas e lentas nos primeiros momentos.

Cando caen na conta de que xa non hai posibilidade de rescatalo con vida, aparece un novo fío de esperanza: que apareza para poder ter un corpo do que despedirse, ao que dar sepultura e ter un lugar ao que levarlle flores ou visítalo nos momentos de tristeza.

Iso permitiríalles dar un paso no seu proceso de dó e atopar a tranquilidade despois de tantos días de angustia.

A realidade coa que nos atopamos nas perdas no mar é que moitos deses mariñeiros que desaparecen nun naufraxio non aparecen a pesares das labores de busca que se prolongan durante días ou semanas. As familias doentes entran nun complicado proceso de dó. Alternan momentos de esperanza nos que aínda conservan a fe en que o seu familiar aparecerá, aínda que sexa un corpo sen vida, con outros momentos de angustia, desesperación e derrota ao caer na conta de que é posible que nunca recuperen o seu corpo. Unha realidade que como mencionamos, xa viviron no pasado ao perder outro ser queridos nas mesmas condicións.

Esta situación de ambigüidade debilítaos física e mentalmente podendo chegar a provocarlles sintomatoloxía moi semellante ao do estrés postraumático: ansiedade, pesadelos, enfermidades psicosomáticas e un longo etcétera de síntomas que non fan senón empeorar as preocupacións dos doentes.

Desde un primeiro momento, os profesionais da Psicoloxía de emerxencias mobilizámonos para acompañar estas familias brindándolles apoio, escoita, asesoramento, anticipándonos ás posibles reaccións emocionais que poidan xurdir nun futuro.

Os obxectivos que nos propoñemos cos familiares dende a Psicoloxía de Emerxencias van dirixidos á normalización de síntomas, a facilitación e a validación da expresión de emocións tales como rabia, culpa ou pena que poidan aparecer nos primeiros momentos, favorecer pautas de coidado e conectalos coa súa rede de apoio natural para que poidan afrontar o acontecido dunha maneira sa e co tempo poidan recuperar un funcionamento o máis semellante posible ao que tiñan antes do suceso.

Pola contra, é ben certo que a vida das familias que sofren a perda dun familiar mariñeiro nun naufraxio nunca volve a ser a mesma porque recordando as palabras do arcebispo que oficiou o funeral de Estado polos mariñeiros falecidos e desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, “nalgunhas ocasións o mar tórnase un gran burato negro que se leva vidas, ilusións e proxectos”. E iso en Galicia sabémolo ben.

Comentarios