Opinión

Galicia, exportadora de Cultura

No marco das III Xornadas de Gaita organizadas pola AGG o domingo 23 de outubro, tivemos a ocasión de reflexionar con Cristina Pato acerca de como Galicia é unha nación que exporta grandes talentos no ámbito artístico. Dicía Xurxo Souto que falando con Xan de Xías comentáballe que Galicia é unha terra de artistas.

Poderiamos pensar que estas verbas xorden dun orgullo propio e dun autoconvencemento da calidade do país, mais en Galicia acostuma a pasar o contrario en moitos casos, temos como exemplo a lingua e o pensamento aínda latente de que falar galego aporta menos valor que falar outras linguas. Mais imos facer unha análise de grandes figuras da nosa cultura que teñen emigrado en busca dun futuro mellor.

Quero poñer nome, apelidos e historia a estes grandísimos talentos que emigran de xeito forzado por non teren aquí espazos

Comezamos pola persoa que comezou esta reflexión, Cristina Pato: afamada gaiteira, pianista, ademais da súa faceta humanística na que non imos entrar xa que imos tomar a faceta artística de cada persoa. Ten tocado con Yo-Yo Ma, Osvaldo Golijov, Arturo O’Farrill ou Chick Corea. Grandes lendas da música no máis alto estándar de excelencia internacional. Unha magnífica carta de presentación de talento galego.

Nadia Vázquez outra das grandes gaiteiras novas. Tivo que emigrar a Bruxelas por non ter en Galicia estudos de mestrado para seguir estudando gaita. Hoxe en día, das grandes promesas de este instrumento ao igual que moitas outras compañeiras que o defenden dende a terra.

Sergio de Miguel é, probablemente, un dos futuros grandes pianistas do panorama mundial do jazz. Vigués de nacemento, foi premiado cunha bolsa de estudos nada menos que pola cantante Gloria Estefan para cursar o grao de jazz co piano na Universidade de Berklee, en Boston. Recentemente publicou o seu vídeo clip sobre unha versión jazz da Muiñeira de Chantada.

Tonio Comesaña, gaiteiro e clarinetista, non só levou o premio a mellor estudante de conservatorio de toda España no 2018, senón que agora mesmo atópase en Holanda e tocando na EUYO (Xove Orquestra da Unión Europea) unha das mellores orquestras clásicas de Europa.

Lucas López, cantante e pianista acompañante que vén de ser admitido na Zücker Hochshule der Künste. Sen dúbida un portento do ámbito clásico que pon a Monforte de Lemos no mapa en cada unha das súas actuacións.

Juan Cernadas, frautista e dj que foi quen de introducir os sons da percusión tradicional galega na música electrónica máis dura na escena berlinesa.

Guillermo Rodríguez, un excelso pianista coruñés que loita pola música e polos dereitos dos intérpretes alá por onde vai. Polonia, Alemaña e, recentemente, Bruxelas.

Poden parecer pouca xente, e évos ben certo. Son moi poucos en comparación con todas as historias de grandes talentos que marcharon e que quen escribe descoñece, estes casos son algúns dos moitos que coñezo de primeira man. Compañeiros e compañeiras coas que compartín estudos ou escenarios. Segundo o IGE (Instituto Galego de Estatística) no 2021 foron 26.700 persoas as que marcharon fóra de Galicia, 18.180 a outra comunidade e máis de 8.500 ao estranxeiro. As razóns son moitas e moi variadas, pero esa fuga de potencial de seguro que se atopa entre esas cifras. O mesmo poden documentar compañeiras do ámbito científico. A pesares de termos grandes científicos e científicas seguimos a ter unhas universidades cun infrainvestimento económico abismal.

Non quero dar publicidade a grandes músicos e músicas do país senón poñer nome, apelidos e historia a estes grandísimos talentos que emigran de xeito forzado por non teren aquí espazos nin ferramentas para poder seguir crecendo como artistas.

Desta reflexión, que non é nova, parten moitas das reclamacións que a AGG, como organización, vén reclamando ás diferentes institucións que toman cartas neste asunto, mais habitualmente con pouco éxito. Nós seguiremos loitando, por todas esas grandes figuras, tanto as que quedan, como as que marchan por non teren opcións aquí. Seguimos reclamando máis investimento e mellores infraestruturas públicas no ámbito cultural. Por un mestrado en música tradicional galega, por máis prazas de gaita nos conservatorios públicos...

Comentarios