Opinión

De xenocidios, eléctricas e alta finanza

Vivimos nun mundo de calotes e imposturas. Ao exterminio de palestinos na franxa de Gaza chámanlle dereito de Israel a defenderse (entra niso o bombardeo e derrube de vivendas, do laboratorio de vacinas ou das oficinas de AP e Al Jazeera?). Estanse reproducindo á inversa os grandes mitos e traxedias do pobo xudeu, dende a épica pelexa de David contra Goliat, as guerras xudías contra o invasor romano ata o holocausto hitleriano. Toda esa metahistoria xudía perde a súa dimensión épica cando as hordas sionistas masacran friamente coa última tecnoloxía militar centos de palestinos inocentes e indefensos. En fronte, uns foguetes artesanais, nun acto desesperado de resistencia fronte ao perverso apartheid de Gaza, ás expropiacións de vivendas en Xerusalén ou á infame represión do Ramadán na explanada de Al-Aqsa. Que deben facer os palestinos cando os expulsan das súas terras e os reprimen con balas, granadas paralizantes e gases lacrimóxenos por exercer os seus dereitos cívicos e relixiosos? 

O máis desacougante é a hipocrisía dalgúns, coa súa cínica equidistancia entre vítimas e verdugos, como a do portavoz de exteriores da UE, Peter Stano, desestimando as sancións contra Israel: "Apostamos pola solución diplomática". Oia, Mr. Stano, o 95% da devastación e dos mortos sófrenos os palestinos, hai que actuar xa. Non conformes, prohiben as manifestacións solidarias en Francia ou Alemaña. Ese relativismo moral cos crimes israelís resulta equivalente a poñer a heroica Resistencia partisana ao mesmo nivel que o exército nazi de exterminio na II Guerra Mundial.

Pero neste mundo global e caótico nada é casual. As inxentes sumas que se necesitan para os centos de bombas e armas israelís extráense das plusvalías de transnacionais, coma as eléctricas españolas, a través de fondos comúns coa industria de armamento como BlackRock. Algúns están encantados coa transición enerxética que nos levará a un mundo feliz sen contaminación e en perfecta harmonía. A traxedia desa ilusa utopía é que os gravames que pagan as empresas polos combustíbeis fósiles utilizados para producir enerxía eléctrica son transferidos aos usuarios, de tal xeito que unha medida pensada para favorecer a transición enerxética non só non cumpre a función prevista senón que se converte nun sistema de recadación encuberta, ademais dun suculento negocio para a alta finanza. Iso é así ao especularen as empresas cos dereitos de emisión de CO2 ata o punto de que a factura eléctrica é hoxe un 50% máis cara que hai un ano, a pesar de non haber ningún pico de consumo e de que a enerxía xerada no Estado é nun 80% libre de CO2 . Este vil atraco é froito da perversa fórmula de formación de prezos que prima as centrais de ciclo combinado de gas. 

En realidade, impórtalles moi pouco se a enerxía é limpa ou non, o esencial do capitalismo de rapina é o sistema de roubo legal das transnacionais, amparadas polos seus lobbies no goberno. A súa voracidade non ten límites. Hai que financiar guerras e cómpre espremer os contribuíntes, aínda que sexa para beneficiar un tipo viscoso e sen escrúpulos como Netanyahu e un estado terrorista coma Israel.

Comentarios