Opinión

O triunfo dos necios

Contra a crenza maioritaria, son un gremio bastante numeroso e versátil. Podes atopalos nos lugares máis insólitos: na universidade, nos medios de comunicación, nos consellos de administración, na maxistratura, etc. Incluso, poden chegar a resultar electos para algún cargo público relevante por unha maioría social aparentemente normal (a iso quizais habería que darlle unha volta). En fin, uns tipos tan peculiares, na súa estulta e inicua existencia, que poderían formar parte das divertidas historias que Roald Dahl creou para o público infantil. 

Pero na vida real un cretino é un cretino, sen solución de continuidade, e o alcance social das súas torpezas e falcatruadas resulta a maioría das veces irreparábel e pouco gracioso. Nin Roald, nin ningún evento —nin sequera sobrenatural— poderían cambiar esa abxecta natureza. E, se a falta de sensatez social prevalece, como é o caso, só cabe limitarse a esperar que o ciclo vital do idiota se extinga de forma natural o máis rápido posíbel e rezar para que o resto da súa especie se dedique á contemplación mística ou a contar ovellas.

A lista deste tipo de espécimes é inacabábel e tremendamente aburrida, pero hai un do que debemos falar. Javier Milei, o flamante presidente arxentino. Si, ese tipo histriónico e desequilibrado, armado cunha motoserra polas rúas de Bos Aires, que, da nada (vale, co apoio de toda a dereita neoliberal e reaccionaria), chegou á máis alta maxistratura da nación, con máis do 55% dos votos. Sorprendente? Non tanto, pasa algo parecido noutros países, como con Abascal e Vox en España. Miren, detrás dun necio sempre hai outro necio e, sobre eles, un listo (moi rico e poderoso) que se aproveita de tanta estulticia. O ascenso de Milei estaba cantado despois da xestión de Alberto Fernández (outro que tal baila), volvendo a endebedarse co FMI (o listo), mergullando de novo ese gran país nunha grave crise económica. Nesas circunstancias non foi difícil para as elites encontrar un demagogo,  un "salvador anti-político", un necio á súa medida. Noutra época optaban polo golpe militar. Pero o golpe crea problemas internacionais e conciencia social, o necio só produce máis necios.

Fernández errou ao revisar parte do legado kirchnerista (eliminación da débeda co FMI, política económica independente de Washington, compromiso con América Latina, etc.) provocando desafección social e, finalmente, a derrota dos peronistas. Pero as loucas iniciativas de Milei, de dolarizar a economía, recortar os gastos sociais e eliminar dereitos básicos vai ser moito peor. Os ricos serán máis ricos (claro), pero a clase traballadora pagará a festa. Quizais, no goberno, Milei Hyde modere o seu discurso, pero non o seu ideario. En fin, cada país ten o que merece. Un aforismo inexacto nos detalles, pero apropiado no ditame xeral, aínda que resulte cruel e doloroso recoñecelo.

Porén, que abunden tantos necios no nivel máis alto da sociedade non pode ser unha casualidade. O capitalismo xa apenas resolve nada, pero aínda goza dunha gran capacidade para modelar as  conciencias da xente. Esta é a cuestión, estamos a facer todo o posíbel para evitalo?

Comentarios