Opinión

Rebelión da caverna madrileña

Iso é o que está ocorrendo estes días con miles de exaltados, convocados pola dereita e a extrema dereita para negarlle lexitimidade democrática a Pedro Sánchez. Non importa que fose elixido por unha ampla maioría do Congreso, de acordo coa Constitución Española, da que se proclaman defensores. Non, no PP e VOX queren que Sánchez dimita e se repitan as eleccións, ata que gañen eles, os predestinados. Ditando ás institucións, de forma tumultuaria, o que debe facerse. Como se chama iso?

Por se o anterior non constituíse unha grave anomalía democrática (por utilizar a terminoloxía politicamente correcta que adoita empregar a dereita española cando lle convén), hai que engadir a masiva exhibición de bandeiras franquistas, ademais de símbolos e consignas anti-constitucionais que se fosen doutro signo terían sido duramente reprimidas policial e xudicialmente. Ao tempo, no Senado, con maioría do PP, estase aprobando un regulamento ad hoc excluínte co obxecto de dilatar sine díe a tramitación das leis que presente a maioría parlamentaria do Congreso. Non creo utilizar a hipérbole se cualifico esas accións de delitos de prevaricación e rebelión institucional. Co apoio sincronizado dos segmentos máis rancios dos estamentos parlamentario, mediático, xudicial, empresarial e militar (disque na reserva). Unha auténtica ofensiva do Estado Profundo español utilizando todo o espectro estamental.

A razón que esgrimen –puro exercicio de pensamento máxico para fanáticos e mentes planas– é que a amnistía non ten cabida constitucional e que atenta contra a separación de poderes. Oian, quen determina que unha lei é ou non acorde coa Constitución é o TC e para iso, primeiro, hai que aprobala no Parlamento. Se finalmente o Constitucional emitise un ditame negativo, a citada lei sería revisada ou decaería definitivamente. O problema, daquela, sería para Sánchez. Onde está o golpe de Estado?

Acaso non confían no Tribunal Constitucional? Nisto son comprensivo. Eu tamén dubido da xustiza española despois de observar como o máximo organismo do Poder Xudicial incumpre a Constitución ao non dimitiren os seus membros e non permitir a súa renovación. Ou cando os xuíces ditan autos á carta contra cidadáns como resposta ás medidas políticas tomadas polos lexítimos representantes da vontade popular. Iso, xunto aos pronunciamentos e protestas públicas de xuíces e fiscais contra unha lei inexistente, si que é deslealdade institucional e ir contra a división de poderes e a Constitución.

Xustiza cega e imparcial? Unha broma. Claro que se trata de lawfare (xudicialización da política), acusación da que tanto se queixa a caverna xudicial e mediática. En realidade, non é a amnistía, o que non soportan é que os seus beneficiarios sexan nacionalistas cataláns. Ao que se negan é ao recoñecemento dun conflito político e á existencia dun estado plurinacional, algo que a propia Constitución recoñece, aínda que sexa coa boca pequena.

Esta ofensiva imperial vai para largo e non se pode combater co silencio ou a apatía. Cómpre máis activismo explicativo, debate político e mobilización social en todos os ámbitos.

Comentarios