Opinión

O Pentágono advirte a Biden

En contraste coa euforia polo subministro de "armas marabillosas" a Ucraína, a Corporación RAND, asesora principal do Pentágono en temas militares e xeo-estratéxicos, acaba de emitir un informe demoledor que titula de forma significativa "Evitar unha guerra larga".

A opinión de RAND coincide no tempo coa advertencia do Pentágono de que non haberá tanques Abrams dispoñíbeis en moito tempo, aducindo "problemas técnicos". O suposto envío dos Abrams foi unha trampa para comprometer na guerra a Alemaña cos Leopard? En RAND pensan que prolongar a guerra causaría un grave dano a EUA, ademais da observación (enormemente significativa) de considerar "improbábel" a vitoria ucraína (un eufemismo para non ofender a Zelenski). Que dirán agora o atribulado Scholz, o despistado Borrell ou o cretino Stoltenberg?

Este informe aparece poucos días despois de que o máximo responsábel do Estado Maior USA, o xeneral Mark Milley, recoñecese "a imposibilidade de que o exército ucraíno expulse as forzas rusas". Todo un recoñecemento do fracaso das sancións económicas contra Rusia e das medidas militares de apoio a Kíiv. Pero non todo o establishment é tan claro. Os falcóns, con influencia no straussiano Secretario de Estado Blinken (vinculado ás elites neoliberais globalistas partidarias das guerras sen fin) son moito máis belicosos. Porén, tamén están sondando a posibilidade de negociación (viaxe de Blinken a Exipto e Israel para que fagan de mensaxeiros co Kremlin).

Para RAND, manter o estado ucraíno economicamente solvente está resultando demasiado caro, "situación que se multiplicará co tempo", recoñecendo que a axuda militar podería volverse insostíbel a curto prazo (esgotamento dos arsenais da OTAN). O conflito estaría "absorbendo o tempo dos principais responsábeis políticos e os recursos militares estadounidenses", distraendo a Washington doutras prioridades coma a China. En consecuencia, "unha guerra prolongada ten riscos elevados de escalada e danos económicos que superan con creces os posíbeis beneficios". Bingo! Segundo RAND, premer demasiado a Moscova podería acabar nunha guerra nuclear, que se debe evitar como "unha prioridade fundamental". A iniciativa nuclear non é unha opción válida para os militares ianquis, unha declaración digna de enmarcar e enviar aos obedientes lacaios da UE.

Non obstante, para RAND hai poucas perspectivas de paz negociada a curto prazo. As razóns, a crenza de Zelenski de que as axudas seguirán indefinidamente ou que o Kremlin non tería ningunha razón para negociar no actual clima de acoso occidental. Ergo, urxe un chibo expiatorio a quen culpar da debacle. A escoller, Zelenski, Stoltenberg ou o mesmo Biden. Veremos.

En definitiva, para RAND, habería que baixar a presión, algo incompatíbel coa implicación crecente da OTAN. Ademais, sería preciso darlle garantías a Moscova sobre a neutralidade de Ucraína (!) e aliviar as sancións económicas (!) como vía para chegar a un acordo de paz. RAND opina que o proceso debería iniciarse rapidamente para que ese cambio de estratexia poida ser asimilado canto antes por Zelenski e os aliados da OTAN. Volve a Realpolitik?

Comentarios