Opinión

Os oráculos coinciden

O presidente ruso é un individuo extremadamente cauto nas súas declaracións ao tempo que preciso (nunca fala por falar). Unhas características persoais que o converten nunha fonte críbel á hora de prognosticar eventos futuros. Por iso, a última e multitudinaria conferencia de prensa internacional realizada por Putin en Moscova, hai unha semana, podería resultar especialmente valiosa para coñecer algunhas chaves sobre o probábel desenlace da Guerra do Leste na fronte ucraína.

Un dato significativo da conferencia foi cualificar Odessa como unha "cidade rusa". Incluso, foi máis alá: "Todo o sueste de Ucraína sempre [foi]... un territorio historicamente ruso e pro-ruso... como Crimea e toda a costa do Mar Negro". Despois de lembrar que Rusia aceptara o "paradigma" territorial herdado da URSS (unha Ucraína independente), subliñou que os acontecementos posteriores (golpe extremista en Kíiv, incumprimento dos acordos de Minsk e acoso da OTAN) obrigaron ao Kremlin a reconsiderar esa posición política. Desas declaracións parece razoábel deducir que a Guerra do Leste non acabará ata que Rusia derrote os exércitos otano-ucraínos e tome posesión plena deses territorios. Sen acceso ao Mar Negro, sería o final de Ucraína como Estado, e quizais da OTAN.

É a primeira vez que Putin fala de forma tan directa sobre o alcance da Guerra do Leste, un feito que non é alleo á crecente cohesión nacional rusa, á súa consolidación económica e militar e ao estrepitoso fracaso das sancións occidentais. Resulta moi significativo que durante este ano se incorporasen ao exército ruso medio millón de voluntarios.

Eses datos explican a seguridade das súas declaracións e suxire que o obxectivo bélico está cada vez máis cerca de materializarse. Incluso, o Financial Times, un fiel amigo de Kíiv ata agora, albisca un horizonte sombrío para Ucraína, no medio dunha carencia crítica de municións e armamento e da reticencia occidental a manter as axudas. Outra fonte ben informada, o diario alemán Bild, prognostica que a guerra rematará nun par de anos coa ocupación rusa do territorio ao leste do Dniéper.

As hipóteses sobre a duración da guerra serían congruentes coa estratexia rusa (dende o verán de 2022) de lenta guerra de desgaste, co mínimo custo en baixas propias, ata a completa aniquilación do exército otano-ucraíno. Un tipo de guerra que só pode facer unha superpotencia militar e económica. A OTAN non pode evitar ese escenario, salvo se opta pola confrontación directa, e iso sería outra historia.

Ademais, a fronte ucraína está moi condicionada pola guerra israelo-palestina e as tensións do Indo-Pacífico, con Taiwán no punto de mira. Deste xeito, a estratexia inicial da OTAN de esgotar Rusia mediante o suposto pantano ucraíno estase volvendo contra Occidente ao verse inmerso en varias frontes bélicas simultáneas que non pode atender de forma eficaz. A probábel implicación da OTAN na "pacificación" dos hutis no Mar Vermello só complicará esa tendencia extenuante e caótica. Malos augurios para 2024, especialmente para Biden, con Putin reforzado, coas eleccións presidenciais de novembro á vista e Trump en alza.

Comentarios