Opinión

O mundo en 2023

O ano que acaba de rematar será lembrado no futuro como un punto de inflexión entre épocas históricas, aquel que deu paso a un mundo multipolar, consecuencia do declive do capitalismo financeiro occidental e da emerxencia de Eurasia e do Sur Global como actores de pleno dereito. Non se trata só da decadencia do imperio anglo-norteamericano, senón da hexemonía global do sistema occidental, construído tras o declive do feudalismo. Estamos ao comezo dun cambio civilizatorio. O que ata agora era percibido como normal: o dominio da cultura occidental anglosaxoa, a explotación colonial e neocolonial, o consumismo desenfreado ou a vida opulenta das elites, dará paso a unhas relacións internacionais necesariamente máis cooperativas e plurais e, en consecuencia, a novas formulacións económico-sociais. Pero esa transición non será fácil nin rápida e as súas morfoloxías últimas (de xustiza, liberdade e reparto equitativo da riqueza) dependerán da intelixencia e da capacidade de loita e sacrificio dos pobos da terra.

Como nas guerras imperiais clásicas, a Guerra do Leste será unha larga guerra de desgaste e resistencia que se desenvolverá en múltiples frontes: na militar (a ucraína-europea é a principal, pero non a única), na económica-financeira e na da (des)información. Con matices, unha confrontación que durará anos.

Na primeira fronte non haberá outro desenlace que a vitoria rusa, por moi inverosímil que lles pareza a algúns. Incluso, aínda que entren directamente (indirectamente xa están) en combate algúns países da OTAN (EUA non, claro). Haberá avances e retrocesos, sabotaxes, dor e destrución, como ocorre en todas as guerras, pero a fin da guerra será nos termos que fixe o Estado Maior ruso. Porque, a outra hipótese (teoricamente) alternativa significaría a desaparición de Rusia e iso non vai ser posíbel, salvo no conto das paxariñas preñadas. Por último, unha posíbel terceira hipótese, a do Armagedón, hai que descartala por absurda, sería a fin da historia e do planeta e xa non habería nada de que discutir. Kaput.

A ese primeiro desenlace non só apunta a superioridade militar do Kremlin e a súa probada resiliencia socioeconómica, como se ten demostrado durante este ano fronte ás "sancións do inferno" do Occidente colectivo, senón a forte alianza chino-rusa nos ámbitos económico, financeiro e militar e a expansión dos BRICS+ aos cinco continentes (coa desdolarización e o avance das moedas nacionais), aínda que a algúns dirixentes occidentais non lles acabe de entrar na cabeza. É o quen ten o eurocentrismo, non permite ver máis alá da caverna 'borrelliana' de xardíns e xunglas. Puro simplismo xudeocristián.

Con esta perspectiva, temida en silencio nas principais chancelerías occidentais, a situación en Europa acabará derivando nunha fractura inevitábel. Non será posíbel manter a unidade dunha UE en crise cada vez máis supeditada ao núcleo duro anglo-norteamericano. As contradicións, incluso dentro da OTAN, xa se están verbalizando en público, como fixo recentemente John Bolton declarando que "a pertenza de Turquía debería reconsiderarse durante este ano". Todo cambia, todo é posíbel.

Comentarios