Opinión

Israel e Palestina arden

Despois de décadas de impunidade, Israel acaba de recibir doses substanciais do mesmo xarope con que arrasa, espolia, somete e tortura os palestinos dende a súa fundación en 1948. Porén, hai unha dúbida importante: como puido ocorrer, sen que o todopoderoso Mossad vise vir o ataque? Suscita moitas preguntas e, por agora, só caben conxecturas. Trátase dunha estratexia islámica de guerra total, ben estudada e planificada?

De entrada conseguiron humillar os xudeus e abortar o inminente recoñecemento de Israel por Arabia Saudita, apadriñado por EUA. Ou, pola contra, dun plan de Israel e da OTAN para salvar Netanyahu e incendiar Oriente Próximo no seu beneficio, borrando Gaza do mapa (o Gran Israel sionista), con Irán na diana?    

O asasinato indiscriminado de civís por Hamás (o ataque ás forzas ocupantes é outra cousa) non parece unha estratexia que concite demasiado entusiasmo na opinión pública mundial. Aínda que se traten de asentamentos xudeus ilegais en terras palestinas. Tamén é certo que asasinar civís indefensos en Al-Aqsa, Líbano, Siria, Iraq, Nablús ou Gaza, con milleiros de mortos inocentes, é o que fixo a diario Israel sen que a comunidade internacional fixese algo máis que emitir cínicos lamentos. Este ataque de represalia non tería ocorrido se a política xenocida de Israel non seguise contando co apoio de EUA e a complicidade criminal da UE. 

O ataque vén nun momento en que o bloqueo israelí de Gaza resultaba insoportábel, cun paro brutal e sen futuro certo para dous millóns de palestinos. Quizais, a guerra é a súa única opción. Vencer ou morrer. No outro lado, a sociedade israelí e as súas principais institucións están enormemente divididas. A intención de Netanyahu de converter ese país nun estado policial, cos demais poderes sometidos á cúpula sionista, estaba xerando unha masiva contestación social.

Pero o máis importante é que, por vez primeira, se fixo visíbel a división no interior do exército e dos propios servizos de intelixencia, vítimas dunha fatiga insoportábel por un conflito ao que non lles ven saída. Non hai dúbida de que a potencia militar israelí é superior á da resistencia palestina, pero o éxito do ataque de Hamás representa unha inxección de moral que fará imposíbel volver á situación anterior á do sábado pasado.

Quizais algunha das chaves estea nos movementos xeopolíticos recentes en Oriente Próximo, co achegamento entre Arabia Saudita e Irán e a recomposición das alianzas na zona, cun maior protagonismo e unidade do mundo árabe e musulmán. E o inhumano asedio e bombardeo indiscriminado de Gaza (un apartheid sen luz, auga e alimentos), que se suma ao largo bloqueo anterior, xa está desatando a indignación do mundo árabe e do resto do Sur Global, amosando a faciana fascista do estado xudeu. 

Porén, Israel conta con carta branca de Biden e Von der Leyen para o exterminio de palestinos. Como son árabes, non hai problemas morais. Indecente. Independentemente de cal sexa a hipótese correcta, é posíbel que o conflito escale a unha confrontación de maior envergadura, con implicacións doutros países chave da rexión. Moi perigoso e de difícil prognóstico.

Comentarios