Opinión

Intelixencia artificial

O progreso científico-técnico constitúe unha extraordinaria ferramenta de desenvolvemento social, pero, como en todo no que está involucrada a alta finanza, predominan intereses espurios que ninguén debería subestimar. Neste contexto, para coñecer a bondade dunha nova tecnoloxía, sobre todo a vinculada coa información ou a comunicación, cómpre estabelecer previamente se é congruente co lexítimo interese da humanidade de progreso social e non ameaza de ningún xeito as liberdades fundamentais de opinión, expresión e pensamento, ou como diría Roosevelt, o dereito a vivir sen miseria e sen temor. Porque, os avances tecnolóxicos son o resultado da combinación do admirábel traballo de científicos e enxeñeiros máis o insaciábel interese do capital transnacional e das elites polas ganancias sen límite e o control social. Esquecer isto constitúe un grave erro.

Paul Scharre, vicepresidente do Center for a New American Security e antigo planificador do Pentágono, acaba de publicar un libro –Four Battlegrounds: Power in the Age of Artificial Intelligence– sobre o uso da intelixencia artificial (IA) en ámbitos relacionados coa súa especialización, programas de ISR (intelixencia, vixilancia e recoñecemento). Segundo Scharre, estase producindo unha competencia global en IA que determinará quen será a próxima superpotencia mundial, revolucionando a economía e o poder militar.

A Scharre preocúpalle o uso da IA para a vixilancia de disidentes na China (cámaras de recoñecemento facial), pero esqueceuse de mencionar os sistemas de control social que xa existen en Occidente dende hai anos, como o seguimento, xeolocalización e manipulación dos usuarios de Internet a través de plataformas ou produtos como Google, Amazon, Facebook, Apple ou Microsoft. Non obstante, ve moitos riscos asociados coa IA, ademais de enormes desafíos técnicos. Por exemplo, a pegada de carbono da industria tecnolóxica da información e comunicación xa é equivalente ás emisións da industria da aviación. Ou ignorar que a IA non é intelixencia senón capacidade de predición baseado en datos limitados (ou subxectivos) para a consecución dun determinado obxectivo.

Scharre, conclúe que "se esta tecnoloxía non está coidadosamente deseñada para adaptarse á vida humana podería conducir á destrución da humanidade". Unha idea compartida por outros, como o mesmo autor de ChatGPT, Sam Altman, que admitiu estar un pouco asustado polo uso potencial da súa aplicación para a "desinformación a grande escala e [...] ataques cibernéticos ofensivos". Elon Musk, antigo fundador de OpenAI, a empresa creadora de ChatGPT, tamén advertiu dos perigos deste sistema ao sinalar que podería anular a capacidade intelectual dos usuarios.

ChatGPT é un sistema de IA polémico. Por exemplo, permítelle aos estudantes realizar tarefas académicas de todo tipo suplindo o necesario esforzo persoal de estudo, aprendizaxe e investigación. Ademais de empregar un enfoque cultural anglosaxón creando clons en vez de persoas autónomas capaces de pensar por si mesmas. Claro, OpenAI está financiada por Microsoft, onde BlacRock e Vanguard Group son os maiores accionistas.

Comentarios