Opinión

Dispararse nos pés ou rectificar

Nun artigo da semana pasada o articulista de El País Wolfgang Münchau advertía que a participación occidental nos diferentes conflitos mundiais corría o risco de converterse nunha catástrofe. Unha opinión nada orixinal para os lectores de Nós Diario, pero inhabitual nese xornal global, segundo o subtítulo empregado polos seus editores.

Así, as “guerras subsidiarias” de Ucraína ou Gaza ou a batalla económica contra a China, aínda que teñen algunhas posibilidades de rematar cunha nota optimista para Occidente, Münchau recoñece con temor que “un escenario de desastre total é unha hipótese plausíbel”. Porén, despois desa introdución bastante realista volve caer nos tópicos de sempre ao considerar como se puido chegar a unha situación tan crítica “se Occidente é moito máis rico ca China ou Rusia, ten exércitos superiores e EUA é o líder mundial en tecnoloxía”.

Unha afirmación que entra en contradición coa realidade factual que o mesmo Wolfgang recoñece ao sinalar correctamente que a participación de Occidente na produción económica mundial en PIB PPA caeu do 60% en 1980 ao 40% actual e que as previsións indican que seguirá nunha fase de decrecemento pronunciado nos próximos anos. E, xusto nese indicador, a China ocupa o primeiro lugar mundial, igual que a superioridade militar rusa é admitida por institutos militares occidentais.

Entón, cales son as razóns desa decadencia? Munchäu enumera as consabidas crises financeiras, os rescates monetarios, a austeridade e unha globalización “excesivamente entusiasta”. Pero, nunha rara mostra de saúde intelectual nun liberal occidental, admite que o agravamento da situación nos últimos tempos é o “uso excesivo da coacción económica” como instrumento de dominio xeopolítico. Esa estratexia, ademais de ”non funcionar” causou o rexeitamento non só dos directamente afectados (Rusia e China), senón da inmensa maioría do Sur Global, illando cada vez máis o bloque occidental e hipotecando o seu noso futuro.

Finalmente, noutro alarde de realismo político, sinala que seguimos subestimando a China. Lembra que ese país, vítima das sancións estadounidenses sobre os semicondutores de alto rendemento foi quen de fabricar os seus a un nivel equiparábel aos de Occidente, avanzando na súa independencia tecnolóxica. En canto a Rusia, recoñece que se converteu nunha economía de guerra superando Occidente en subministros militares. Aínda máis, cre que Putin (en alianza con Xi Jinping) está enfocando a Guerra do Leste como un conflito de desgaste occidental (económico e militar) e, coincidindo cunhas previsións similares da asesora do Pentágono Rand Corporation (ás que fixen referencia hai preto dun ano en Nós Diario), sinala que ao Kremlin lle interesa alargar a confrontación o máximo posíbel porque lle beneficia en todos os sentidos. Quen perde por goleada é Occidente. 

En definitiva, as sancións foron un “fracaso absoluto, consecuencia da arrogancia e da ignorancia”. Nada que obxectar Wolfgang, pero por desgraza iso mesmo lévano dicindo algúns desde hai moito tempo sen que os responsábeis políticos caian da burra. Porén, aceptar a realidade é o primeiro paso.

Comentarios