Opinión

De demencias, paranoias e revelacións

O discurso de Biden a pasada semana na ONU foi o máis vívido exemplo da desconexión da realidade do neoliberalismo global. Despois da recente ampliación dos Brics+ e dos rupturistas compromisos do G77 a prol da descolonización efectiva do poder occidental, as declaracións do dirixente da Casa Branca, reivindicando o liderado estadounidense do mundo, só pode cualificarse de ridículo anacronismo. Como proba, case en paralelo coas súas declaracións, producíase un grave enfrontamento diplomático entre Polonia e Ucraína (aliados principais de EUA na Guerra do Leste, nun momento militar crítico para Ucraína) polas súas posturas antitéticas na exportación de cereais e os excesos verbais de Zelenski.

Hai tamén unha minoría excelsa encastelada en torres de marfil, só preocupada polo mantemento dos seus privilexios exclusivos. Así o relata no seu libro A supervivencia dos máis ricos o intelectual da cultura ciberpunk Douglas Rushkoff. Narra que cinco altos executivos "milmillonarios" de empresas transnacionais invitárono en 2017 a un resort de luxo en California para unha conferencia. Pero do que estaban verdadeiramente preocupados era de sobrevivir ao que eles denominaban "o evento" (suceso hipotético en forma de colapso ambiental, revolución social, tormenta solar, guerra biolóxica, sabotaxe informática ou rebelión das máquinas) que "acabará coa civilización".

En definitiva, os amos das tecnolóxicas están buscando un plan B, en caso de apocalipse, como nas películas de Hollywood. Pensan que con diñeiro en grandes cantidades e tecnoloxías punta estarán a salvo dos problemas causados polo capitalismo que eles mesmos lideran. Unha elite transhumanista que mira con displicencia os 8.000 millóns de "vermes de carne" e quere seguir no cumio da historia. Xa ocorreu durante a caída do feudalismo coa metamorfose dos señores feudais liderando as revoltas burguesas, e así ata hoxe.

Para a súa desgraza, os cambios históricos que dende hai séculos eles controlaban, agora cambian de polaridade xeográfica e política. Occidente está esgotado como proxecto de desenvolvemento e o seu paulatino colapso está afectando a unha parte considerábel das súas sociedades, desmobilizadas e confusas. O proceso de alienación neoliberal das últimas décadas acabou convencendo a unha relativa maioría social dese conto de que vivían no mellor dos mundos posíbeis. Crer esa fábula era relativamente sinxelo mentres durase o sometemento colonial e o silencio do Sur Global. Pero iso acabouse.

A louca deriva occidental é de tal calibre que incluso o parlamento canadiano se permitiu homenaxear un antigo nazi ucraíno –Iaroslav Hunka– ante a presenza dun "despistado" Justin Trudeau e do eufórico Zelenski. O escándalo alcanzou tal resonancia a nivel internacional (de vítimas polacas e xudías, entre outros) que o presidente do parlamento tivo que pedir perdón polo "erro". Demasiado tarde. Todos puideron observar como un país da OTAN inmerso na auto-compracencia e na amnesia histórica aplaudía un nazi, unindo os antigos membros das Waffen SS cos actuais dirixentes ucraínos. Cen millóns de mortos na SGM para nada? Bendita estulticia.

Comentarios