Opinión

Cumio estratéxico

A recente visita de Xi Jinping a Moscova consolidou e ampliou as esferas de colaboración entre os dous países na liña, iniciada cos BRICS, de construción dunha orde internacional baseada na cooperación internacional pacífica fronte ao hexemonismo occidental, obsesionado co intervencionismo militar sistemático na periferia imperial, a desinformación social e o caos. Neste contexto, o resultado do cumio das dúas superpotencias eurasiáticas hai que entendelo no marco da crise desatada coa Guerra do Leste e os cambios copernicanos, aínda incipientes, de reorientación xeopolítica que se están a producir en todo o planeta. Un paradigma desta nova situación é o que está ocorrendo en países chave de Oriente Próximo, como é o caso de Arabia Saudita. O éxito diplomático chinés poñendo de acordo dous inimigos acérrimos, como saudís e iranios, debe entenderse como un golpe á hexemonía ianqui que segue ao achegamento a Rusia dun membro chave da OTAN como Turquía, ademais das conversas (propiciadas polos rusos) deste país co seu outro inimigo da última década, Siria. Algo impensábel hai só un ano.

Como sinala o ex diplomático hindú MK Bhadrakumar, o cumio moscovita aposta por “defender un sistema internacional baseado nos propósitos e principios da Carta da ONU, opoñéndose a ao unilateralismo [...] e ao estabelecemento de camarillas en países determinados (cambios de réxime)”. E todo indica que se trata dun proceso imparábel, inédito dende o final da II Guerra Mundial.

Toda esta revolución xeopolítica resulta moi alarmante para Washington e Londres, máxime se nos paramos nalgúns detalles do encontro sino-ruso. Un deles é a presenza en Moscova do ministro de defensa chinés Li Shangfu, nomeado por Xi o mes pasado, moi vinculado ao sector aeroespacial do seu país e á modernización do Exército Popular de Liberación. Non estaba alí para chegar a acordos sobre “axuda militar” clásica (os rusos fabrican tres veces máis munición que a OTAN), senón para coordinar accións en tecnoloxías militares espaciais. A China domina tecnoloxías chave —por diante de EUA, segundo o Instituto Australiano de Política Estratéxica (ASPI)—, en defensa, seguridade e investigación espacial (IA, robótica, tecnoloxía cuántica...).

A conxunción con Rusia vaise producir nese ámbito, compartindo a tecnoloxía de defensa anti-satélites na que os rusos son líderes. Por exemplo, “utilizando os seus satélites co-orbitais poden empuxar os satélites xeoestacionarios de EUA fóra da súa órbita facéndoos caer”, segundo sinala o analista e experto militar norteamericano Brandon Weichert. Unha grave ameaza para os satélites WGS de banda ancha dos que dependen o 70% de todos os satélites militares ianquis (“bastaría con desactivar cinco ou seis deses satélites para anular toda a constelación de satélites estadounidenses”, Weichert dixit).

En definitiva, o que está en evolución é a construción dun polo cooperativo mundial de enorme potencial económico, financeiro, tecnolóxico e militar-industrial cuxo obxectivo é impedir que Occidente siga impoñendo as súas normas en solitario. Só cabe unha alternativa pacífica, negociar. E iso non vai suceder sen presión social.

Comentarios