Opinión

Cruella von der Leyen

Unha das torturas máis penosas da política da UE é ter que soportar a mediocridade e ruindade moral da maioría dos seus líderes. Apenas hai excepcións neste vodevil de personalidades fatuas, cínicas, vulgares, ignorantes e superficiais, preocupadas só por cumprir fielmente o guión dos seus xefes da anglosfera neoliberal. Nada estraño, se consideramos que unha parte significativa destes bots da europolítica foron adestrados nas escolas de novos líderes que patrocina o Foro de Davos ou nas súas franquías rexionais.

A mesma uniformidade socio-política que destilan moitos dos deputados do Europarlamento ou das asembleas lexislativas dos países da UE. A soma (que diría Huxley) do pensamento único –enlatado polos think tank da OTAN– é o seu principal alimento intelectual.

Por iso, resulta reconfortante escoitar a algúns eurodeputados, como a nacionalista Ana Miranda, poñendo ao descuberto a dobre moral dos dirixentes da UE. Mágoa que sexan unha minúscula minoría. Neste euro-uniformismo resulta indiferente a pertenza á esquerda formal, á dereita clásica ou á extrema dereita, co seu aburrido e homologado discurso, enormemente agresivo cos "monstros" designados pola OTAN. Primeiro foi Putin, agora é o terrorismo de Hamás. O terrorismo, ese Deus ex machina providencial que sempre aparece no momento oportuno para resolver algún problema. Agora, para facilitar o Gran Israel de Netanyahu, sobre as ruínas de Gaza.

O parlamentarismo submiso xa forma parte indisolúbel do estado dexenerativo das democracias occidentais. Vémolo cando se alcuman de "antisemitas" as lexítimas críticas contra o racismo sionista israelí (mesmo con persecución xudicial nalgúns países). Ou cando se prohiben as manifestacións de solidariedade con Palestina. Ou, simplemente, silenciando nos medios públicos e privados os disidentes coa posición oficial sobre a Guerra do Leste.

Hai moitos bots  (Macron, Sunak, Scholz, Borrell, Baerbock...), pero quizais o paradigma dese tipo de dirixente sexa Ursula von der Leyen, a hierática presidenta da Comisión Europea. Na súa visita a Tel-Aviv apoiou sen pestanexar o brutal ataque xenocida de Israel a Gaza xustificándoo coa vomitiva cantilena de que "os xudeus teñen dereito a defendérense", mentres destruían miles de vivendas e asasinaban e desterraban de forma indiscriminada a millóns de persoas. Dereito a que? A asasinar homes, mulleres e nenos indefensos e inocentes, un crime condenado polo dereito internacional humanitario?

Querida gauleiter, ese mesmo argumento serviría para xustificar o ataque de Hamás: tamén o fixo para defenderse dunha agresión israelí que dura máis de sete décadas. Non se pode apoiar un país que practica a limpeza étnica, o apartheid, o expansionismo e o xenocidio baixo a falacia do dereito a defenderse, incumprindo todas as resolucións da ONU dende 1948.

Ese cinismo de Von der Leyen quizais se explique polos cadáveres que ten no armario: dúbidas sobre a súa tese doutoral, contratos escuros coas vacinas da Covid, mentiras in fraganti, escándalos cando era ministra alemá... Débelles demasiado aos seus mentores de Londres, Washington e Israel. De aí estes lodos.

Comentarios