Opinión

Cooperación ou neocolonialismo

O enfrontamento leste-oeste, que ten na Guerra do Leste o seu máximo expoñente, derivará no próximo futuro na reformulación de toda a arquitectura de relacións internacionais vixente dende o final da II Guerra Mundial. En realidade, esa reformulación xa se iniciou hai tempo. Dende principios de século, os países emerxentes e o denominado Sur Global, decatáronse de que a desaparición da URSS na década anterior non significaba un mundo máis seguro, democrático e cooperativo.

A ampliación continua da OTAN e a proliferación de intervencións occidentais en múltiples países (Iraq, Iugoslavia, Serbia, Afganistán, Corno de África, Sudán, Iemen, Siria, Libia, etc.) co obxecto de colonizalos e roubar as súas materias primas, fíxolles comprender a moitos que Occidente non tiña ningunha intención de construír, en pé de igualdade, un mundo democrático, e menos no ámbito económico-financeiro. E iso quedou aínda máis claro coas continuas proclamas dos presidentes norteamericanos de que Estados Unidos era un país excepcional (a nación escollida pola Historia e a Providencia), cun claro obxectivo de exercer a súa hexemonía imperial sen ningunha restrición.

Como resposta a ese diktat créase a asociación BRIC, por iniciativa rusa e chinesa, incorporando o Brasil e a India, coa suma posterior de Suráfrica, prevéndose a súa ampliación coa incorporación doutros países de Asia, África e Latinoamérica, como Arabia Saudita, Arxentina, México, Indonesia ou Turquía, por citar algúns dos interesados. Como sinalan Jacques Sapir ou Michael Hudson, o PIB non resulta o indicador máis adecuado para estabelecer o poderío deses países. Habería que ter en conta o PPA, a paridade do poder adquisitivo, ademais de riqueza en materias primas estratéxicas, dimensión territorial, poboación e a capacidade dos seus sectores produtivo, tecnolóxico e agrícola, relacionados co nivel de autosuficiencia industrial e alimentaria, vitais nunha época crítica como a actual. Neste contexto, as sinerxías entre Rusia e a China colocarán a eses dous países á fronte do liderado mundial e do grupo de emerxentes nun futuro próximo.

Non obstante, e iso é o máis interesante, Rusia e a China non teñen interese en reproducir un sistema hexemónico seguindo o modelo occidental de espolio neoliberal. Os países emerxentes citados e outros que se declaran candidatos representan un grupo moi heteroxéneo, con culturas, sistemas políticos e económicos diferentes, unha alianza que só se podería contemplar dende o respecto, a diversidade económica e o pluralismo democrático, uns principios avalados polo funcionamento dos BRICS nos últimos quince anos. Un modelo totalmente incompatíbel coa hexemonía e o exclusivismo anglo-norteamericano, apoiados, por desgraza, pola UE.

Por esa razón, os modelos de desenvolvemento como a Nova Ruta da Seda chinesa e a Unión Euroasiática rusa constitúen o xerme dunha nova arquitectura mundial que deberá formularse como anti-hexemónica, baseada na cooperación internacional e na paz, ou non terá éxito. E esa arquitectura necesita unha nova ONU e uns organismos internacionais que reflictan a nova realidade. Nin máis nin menos.

Comentarios