Opinión

BlackRock e a crise enerxética

Adóitase culpar da actual crise e, especialmente, da escalada dos prezos dos combustíbeis e materias primas estratéxicas, á Guerra do Leste, ao tempo que se identifica o Kremlin como o máximo responsábel. Sen cuestionar que a guerra ten algún impacto directo na economía mundial (especialmente no sector alimentario), resulta moito máis dubidoso adxudicar a responsabilidade da crise aos rusos. Non só porque todas as decisións relacionadas coa redución ou o corte de subministro do gas e petróleo rusos foron tomadas polos gobernos dos países da OTAN, senón por importantes decisións deseñadas moito antes da invasión rusa. Sen mencionar a voadura, polos servizos especiais británicos, dos gasodutos Nord Stream I-II, vitais para a economía alemá. En realidade, a historia é moi diferente.

En xaneiro de 2020, nas vésperas dos confinamentos pola Covid, Larry Fink, director executivo de BlackRock, o fondo de investimentos máis grande do mundo (cuns activos de máis de dez billóns de dólares en xaneiro de 2022), en calidade de representante xenuíno das elites financeiras (non de balde forma parte da dirección do Foro de Davos), enviou unha carta a Wall Street e aos directores executivos das corporacións transnacionais onde "informaba" das novas regras dos fluxos de investimento para o futuro.

Nese documento, que titulaba de forma moi significativa Unha remodelación fundamental das finanzas, anunciaba que "nun futuro próximo, [...] antes do que moita xente imaxina, haberá unha importante re-asignación de capital [...] pasando a ser o clima un risco de investimento", advertindo que "todo goberno, empresa ou accionista deberá asumir este enfoque".

Notar que non se trata dun funcionario da ONU executando un mandato da Asemblea Xeral, senón dun alto executivo do selecto club das elites marcando a axenda de descarbonización mundial (afectando a países, empresas e individuos) ordenando a paralización dos investimentos en petróleo, gas e carbón en nome das "partes interesadas" (eufemismo que designa o capital financeiro representado polo FEM).

E todo iso, sen que existise un modelo enerxético alternativo (nin sequera nos países máis avanzados) en condicións de satisfacer a demanda en tempo e forma (e prezo). O des-investimento para 2021-2022, segundo o investigador W. Engdahl, foi superior a 1 billón de dólares ameazando a toda a economía produtiva mundial. Unha das estratexias subxacentes era a de provocar o colapso de Rusia e facerse coas súas riquezas ─gas, petróleo e outros recursos─, ademais de manter baixo control os produtores de Oriente Próximo. Pero non funcionou, salvo o incremento da desigualdade e a precariedade social.

O erro desa estratexia foi non contemplar de forma realista o decadente liderado dos EUA, a insuficiencia tecnolóxica das enerxías alternativas e a resiliencia da economía rusa, coa reorientación da súa produción aos enormes mercados de Asia. Un acto de soberbia que se volveu coma un búmerang contra a economía occidental. Este foi o contexto previo da actual crise, que axuda a explicar mellor acontecementos como a Guerra do Leste ou os agresivos confinamentos da Covid.

Comentarios