Opinión

As protestas do A-4

Sempre hai razóns (unhas máis importantes que outras), en calquera país, para mobilizarse e protestar por neglixencias gobernamentais, a defensa dalgún tipo de dereito básico ou outras reivindicacións igual de xustas. Non obstante, resulta difícil non relacionar, nunha primeira aproximación, as últimas protestas na China ou Irán coas periódicas "revolucións de cores" que a cada pouco se suceden en países disidentes coa política hexemónica de Washington. O modus operandi habitual consiste en aproveitar algún evento desgraciado (real ou inventado) no país diana para iniciar unha campaña de protesta manipulando oportunamente as redes sociais.

A Universidade de Adelaida (Australia) revelou, por exemplo, que arredor do 70% dos millóns de contas de Twitter que publicaron algo sobre a Guerra do Leste eran bots, e a inmensa maioría anti-rusas. Un caso de libro de manipulación cognitiva. Aplicando este sistema "democrático" desatáronse as "primaveras árabes" ou as últimas protestas de Cuba, Bielorrusia e Casaquistán, convenientemente orquestradas sobre o terreo por axentes locais das axencias occidentais.

Porén, coas restricións impostas na China ás redes sociais occidentais (aínda que hai métodos para evadilas parcialmente) parece que nas últimas protestas das principais cidades chinesas hai algúns elementos significativos non concordantes co sinalado no parágrafo anterior. A destacar, de entrada, que parece lóxico o malestar de certos sectores da sociedade, especialmente da mocidade, coa política de prevención "Covid cero dinámico" (destinada a cortar a propagación) ao implicar periódicos e molestos confinamentos dende hai tres anos. Non obstante, esta política evitou o contaxio masivo da xente maior, máis reticente á vacinación, ao tempo que garantiu un crecemento económico sostíbel (>4%) fronte á situación de estancamento occidental. Aínda así, estas protestas xa propiciaron unha resposta das autoridades axustando o modelo, cunha probábel vacinación masiva da xente maior co obxecto de relaxar a política de confinamentos e neutralizar as protestas.

Pero, máis alá da lexitimidade das mobilizacións, hai algún aspecto que merece destacarse. Ademais da aparición de certas consignas anti-gobernamentais onde se chegou a pedir a dimisión de Xi Jinping, sorprende a rápida propagación das protestas a pesar do control gobernativo sobre as redes sociais. Xa sinalei nun artigo anterior que o proxecto anti-hexemónico e soberanista de Xi tiña riscos (e inimigos).

E isto lévanos, cunha base bastante razoábel, a unha posíbel hipótese. Se temos en conta o sistema do poder chinés non parece probábel que ningunha protesta se poida propagar facilmente sen a aquiescencia (activa ou pasiva) de alguén próximo ás estruturas do PCCh. No caso das protestas de 1989 foi o propio secretario xeral Zhao Ziyang (e os seus seguidores pro-occidentais) quen as apoiou seguindo a axenda de EUA. Quizais agora, algúns aspectos das mobilizacións do "papel en branco" teñan que ver cos seguidores (nas Xuventudes Comunistas) do antigo secretario xeral Hu Jintao, tamén proclives a seguir as receitas pro-occidentais que repudia Xi.

Comentarios