Opinión

Apocalipse now?

Co dólar en devalo, a OPEP dándolle as costas, a China nun ascenso imparábel, a crise económica auto-infrinxida en alza e Rusia manexando a Guerra do Leste ao seu ritmo, é difícil manter o tipo. Por iso, nos últimos meses escoitamos e lemos nos medios mainstream a cantilena da suposta ameaza rusa de usar armas nucleares na Ucraína.

A realidade é moi diferente. En outubro, Vladimir Putin declarou durante a súa intervención no Club Valdai que Rusia só utilizaría armas de destrución masiva se sufrise un ataque que ameazase a súa supervivencia, descartando calquera ataque preventivo, de acordo coa doutrina militar rusa. E menos contra Ucraína, unha acción absurda que afectaría tamén ao propio exército e poboación rusos. Ao contrario, foi a pintoresca e belicosa Liz Truss (a breve), en agosto, quen ameazou coa utilización das armas nucleares polo Reino Unido. Porén, Putin volveu reiterar hai unha semana que "non seremos os primeiros en usar armas nucleares". Aínda así, Putin foi criticado por Ned Price, portavoz do Departamento de Estado, por "atreverse" a mencionar ese tipo de armas. Que exquisito este Ned.

Esa sensibilidade hipócrita está moi en liña co clásico cinismo diplomático dos anglo-norteamericanos. Ned "bágoas de crocodilo" esqueceu que foron os EUA os únicos en usar armas nucleares na historia. Fixérono contra a poboación civil en Hiroshima e Nagasaki (con centos de miles de mortos e feridos), cando Xapón xa estaba literalmente derrotado. Mesmo planificaron, na época de Truman, realizar un ataque preventivo nuclear contra as principais cidades soviéticas (Operación Dropshot), abortado ao coñecer que a URSS tamén lograra dotarse de armas de destrución masiva.

Pero volvamos ao presente. Nos EUA, a doutrina militar relacionada co uso do armamento atómico regúlase nas NPR (Revisión da Postura Nuclear). Dende principios de século os EUA xa contemplaron neses documentos o uso preventivo das armas nucleares. Incluso, na última NPR (outubro de 2022) Biden (contrariamente ás súas promesas electorais) contempla o ataque preventivo "para contrarrestar un ataque estratéxico non nuclear". É dicir, aínda que Rusia non use armas nucleares os americanos ameazan con facelo, de todos modos, se o consideran pertinente (a pesar de asinar en xaneiro un documento co resto das potencias nucleares sobre a improcedencia do uso dese armamento).

Que hai detrás de todo isto? Desesperación, a intensificación da narrativa nuclear ianqui ten como obxectivos a chantaxe e meter medo. O declive hexemónico dos EUA só se pode paliar a base de ameazas apocalípticas a ver se Rusia e a China cambian o paso e se pregan ao seu diktat. "Non iniciarán ningunha guerra (os EUA), e definitivamente non por Ucraína. Ucraína é un foco de tensión nas nosas fronteiras, nada máis. Todo é un engano", manifestou K. Blokhin, investigador do Centro de Estudos de Seguridade da Academia Rusa de Ciencias. Unha opinión que coincide coa avaliación da Corporación RAND no senso de que unha guerra nuclear sería letal para EUA (e para o resto da humanidade). Quizais, pero os riscos son altos e o mundo actúa como se nada pasase.

Comentarios