Opinión

Alma

Estamos na estación de inicio do ciclo sempiterno de renacemento da natureza, do verde vital e das plantas multicolores. A primavera dos carreiros iniciáticos e comareiros húmidos de bordes suaves, das carballeiras onde brota o visgo misterioso dos druídas. Da esperanza, en que o novo ciclo evite as imperfeccións do pasado e alumee un futuro de esplendor, e de revelación dos arcanos máis velados. A metáfora primaveral alcanza a plenitude material cando se volve carne amosándonos o misterio do ciclo vital. Literatura e fisioloxía fusionadas para explicar o enigma da noite dos tempos.

Quizais a perspectiva de (moitas) décadas, no inicio do devalo irreversíbel, fai máis comprensíbel a profundidade do misterio do renacemento humano, fuxindo da rutina dos problemas cotiás, permitíndonos ficar só coa emoción da chegada do novo ser. Así foi a eclosión primaveral de Alma. Había lúas que no clan non se agardaba con tanto celo un novo membro, con tanto cariño e expectación. Tanto, que se resistiu un pouco a traspasar o espello que a conduciría á nova dimensión vital, incluso cun aceno enfurruñado de advertencia. Pero a metamorfose non tardou en comezar, grazas á epifanía maternal de aloumiños infinitos e ao néctar das deusas que todo cura. E, pasados os primeiros minutos de incerteza, parece decidida a enfrontarse ao futuro, con parsimonia e sabia observación. Non son tempos para andar con présas, de forma irreflexiva e precipitada.

Alma vai atopar un mundo mergullado en cambios tectónicos que non se producían en séculos. Occidente —que ditaba ao seu antollo a filosofía, a política, a economía e as finanzas—, e impoñía o seu paradigma pola forza a todo o planeta, está nun proceso de decadencia. Conta (aínda) con medios poderosos, con fortalezas e oportunidades. Pero se non as aproveita con tino, as ameazas e debilidades que padece poden envialo ao limbo das civilizacións esquecidas de antano, noutrora exuberantes. As oportunidades de Alma e dos seus coetáneos serán verificábeis se alcanzan un modelo onde a cooperación substitúa a competencia. Como sinalaba John F. Nash, contradicindo a vella teoría do individuo egocéntrico de Adam Smith. Formamos parte dun planeta e iso esixe a todos os pobos e individuos da terra traballar en conxunto, en beneficio de todos e de cada un.

Alma e os seus amigos do futuro vivirán nun mundo cambiante que está deixando atrás a larga época colonial e neocolonial occidental (ss. XV-XXI) onde unha minoría de países ditaban as regras a todos os demais. A independencia do Leste e do Sur Global esixe escribir unhas novas regras onde todos os países se vexan representados, de acordo coas súas necesidades e recursos, humanos, materiais, culturais e tecnolóxicos. A época en que o dominio financeiro das elites occidentais decidía o papel de cada país no seu xogo de competencia-explotación-acumulación e concentración de capital chegou ao seu punto de non retorno. O 1% non pode impoñer a súa filosofía ao 99%.

Por iso, Alma e os seus coetáneos deberán saber como manexar a nave-mundo nos mares procelosos da decadencia neoliberal. Daquela, cumpriranse as profecías.

Comentarios