Blogue | E eu que sei

A redacción de Félix. A de María

A historia do xornalismo na Galiza ten a súa historia que contar. Eu, que nunca fun xornalista de profesión, sempre tiven tratos con ese mundo imaxinario. Primeiro como neno lector de xornal e logo entrando no estudo de Radio Galicia “EAJ4”, cando xa tiña uns quince anos e xa con dezaoito levando notas de prensa da insumisión ao delegado de La Voz de Galicia en Santiago, o inmortal Jesús Rey-Alvite, da saga dos Alvite, e logo aínda coñecendo a redacción santiaguesa de El Ideal Gallego que, por uns anos, expresou o espirito do tempo. E logo aínda como corresponsal da delegación en Santiago de La Voz de Galicia cando a dirixiu Luís Alvarez Pousa, que tamén dirixiu un suplemento cultural naquel xornal que foi histórico.

Mais eu quería falar hoxe aquí de Félix Monteira, porque Monteira foi e mais é un personaxe singular e case heroico no xornalismo español que durante uns anos viviu aquí e repartiu maxisterio.

Entrei no século XX como escritor case desaparecido no meu propio país, por motivos distintos tiven enfrontamentos consecutivos con xornais e gobernantes que fixeron que me desaparecesen, foi un verdadeiro decreto, e os meus libros deixaron de ser noticia, de modo que os posíbeis lectores non podían saber que me editaran un libro novo. Unha situación dura para un autor que dialogaba cun público e que vivía do seu traballo. Iso facíame ver na miña propia pel a situación que viviamos como país. A sociedade galega estaba encerrada e afogada nun cárcere mediático nacido dunha alianza perversa entre o poder político e o mediático. Esa situación que consolidou Fraga vimos logo como se continuaba con Feijóo, ese Feijóo que agora aparece espido na súa incompetencia e retratado pola prensa madrileña que non se mostra toda tan cúmplice súa.

Era unha situación que impedía calquera cambio político e mantiña a Galiza paralizada na historia. Tiña claro que había que romper aquela situación como fose, era precisa unha prensa que mostrase as discrepancias, que permitise sequera algunha liberdade de expresión. E meu dito meu feito, acabei por viaxar a Madrid falar con El País. Alí entrevisteime con Juan Luís Cebrián e outros dous directivos da empresa e puxen na mesa que o diario tiña delegación en Catalunya e mais en Euskadi, tamén en Andalucía e aquí non. E que precisamente aquí era onde había unha necesidade dunha prensa que non estivese compinchada co poder político establecido. Quedaron en considerar a proposta. E un par de anos despois chegou a noticia de que se había pór en marcha unha delegación aquí.

E chegou Félix Monteira a armala. Félix é todo un personaxe dunha gran dignidade que optou por facer unha viaxe persoal e profesional cun perfil público baixo, mais aquí demostrounos o xornalista e mestre de xornalistas que foi. Monteira non era galego e mais era máis galego do que el pensaba, sendo de Ponferrada, ese pedazo do Reino da Galiza que foi separado, tiña algún parentesco aquí mais a súa vida foi de Ponferrada cara ese centro que traga, Madrid, e alí fixo unha longa carreira no xornal El País desde o principio. Só o episodio no que relatou os negocios de Paco Vázquez xa merecería unha reportaxe, mais tamén foi subdirector do diario e director do xornal económico do grupo. Mais aterse a unha ética dentro dunha empresa obriga a pagar prezos, chegou un momento no que Monteira non era unha presenza cómoda en Madrid e aquí apareceu para montar aquela delegación. Sempre foi unha tradición enviar os rebeldes a loitar nas fronteiras lonxanas; para a dirección isto era unha terra arredada, unha “provincia”.

Este era un lugar distinto e había que coñecer as leis, tamén os costumes establecidos, os acordos de todo tipo, os problemas nos que tiñamos que vivir...E el tivo que aterrar rapidamente e armar unha redacción. Contaba co delegado do diario aquí, Xosé Hermida, que o mesmo enviaba as noticias que lle pedían de alí que asinaba unhas crónicas futbolísticas de primeira. E aquela redacción fixo un xornalismo ao que non estabamos afeitos e do que puidemos gozar por uns anos, perseguiu e levantou noticias, ofreceu opinións críticas e disidencias, repartiu diversidade..., rompeu os consensos e límites establecidos. Con Hermida con Sonia Vizoso e cunha plantilla que Félix conducía cunha mestura de profesionalidade, paternalismo e decisión o público tivo oportunidade de recoñecer o que era facer xornalismo. Un xornalismo que o propio diario xa non ofrecía na edición feita en Madrid. A Monteira foille tolerada aquí unha certa liberdade que non gozaría na redacción central.

E como todas as cousas teñen un final pois tamén a el lle chegou o momento no que xa non puido máis e retirouse a Madrid. Anteriormente tivera cargos na empresa de maior relevancia administrativa e profesional mais penso que nunca se divertira tanto practicando a profesión como cando formou e dirixiu aquí unha plantilla de xoves xornalistas que pensaban que o futuro estaba aberto. El País cerrou a súa redacción aquí, pasouse do tempo no que se puido publicar a fotografía de ¨Feijóo no barco de Marcial Dorado ao tempo no que había que afinar a relación con Rajoy en Madrid. E xa todo iso é pasado.

Neste momento hai unha cabeceira histórica, El Correo Gallego, nacida en Ferrol e trasladada a Santiago na posguerra, sobre as ruínas de El Compostelano, e que durante uns anos complementouse con La Noche, un “vespertino”, un xornal editado pola tarde para actualizar as noticias do día cando non existia a inmediatez de Internet. E non sabemos que vai ser dela. Pode ser un tropezo máis no descenso dentro dunha foxa económica e xornalística na que está ou pode ser o nacemento dun xornal lexítimo e digno nunha cidade que ten o seu papel no noso país. Non son optimista.

E hai unha realidade aí que hai que atender, Nós Diario. O proxecto que preside Xoán Costa e o diario que dirixe María Obelleiro e que estes días establece fortes acordos con outras dúas cabeceiras, a catalá Vilaweb e a vasca Berria .

A diferenza daquela redacción de El País aquí o proxecto Nós non nace como unha delegación dun diario madrileño, calquera proxecto que non naza desde aquí e teña o seu centro na corte sempre será un proxecto inevitabelmente descentrado, submetido a unha visión colonial. Nós Diario naceu desde aquí coa intención de ofrecer información e opinión sobre a vida e o mundo libre da ideoloxía centralista do nacionalismo español. E nace por suscribción, débese únicamente aos suscribtores. A plantilla que dirixe María Obelleiro é aínda máis modesta que a que tiña Monteira e así e todo, e sen o respaldo dunha empresa forte instalada no poder madrileño detrás, ofrecen cada día informacións que precisamos e relatan o país que fomos e podemos ser. Esa redacción afronta a tarefa de ofrecer o mellor xornalismo que poda, sen os límites que impoñen os poderes, desde a modestia de medios  e facelo desde aquí.

É evidente que o proxecto Nós Diario nace desde o nacionalismo galego, que é de esquerdas, mais como todo proxecto que aspire a liderar o país, ten que ir abríndose até abranguer a sociedade enteira. Como non habemos interesarnos por el.

Comentarios