Blogue | E eu que sei

A pasear encontra un amig@s

CÓNTAME O DEPUTADO JOAN TARDÁ que en toda España unicamente houbo un Instituto de Ensino Medio chamado "Manuel Azaña". Foi en Getafe no ano 1976 ou 77, abríase mal que ben un tempo novo no que podiamos ter esperanzas.

E dixen "houbo" porque posteriormente pasou a chamarse "Menéndez y Pelayo". Menéndez y Pelayo era un único individuo, foi director da Bibloteca Nacional entre outras cousas e o que se chamou "un polígrafo", unha figura dun tempo anterior a este no que todo o mundo ten especialización nalgún tema e no que cada tema ten os seus especialistas e coidadiño non pisarllo.

Unha obra súa, Historia de los heterodoxos españoles, está chea de marabillas "poligráficas" . Paga moito a pena, mais pide dedicarlle moitos días dalgunha daquelas convalecencias nun hospital de montaña por causa da tise, que xa non hai.

Esquecía dicir que Menéndez y Pelayo escribiu esa obra para condenar os erros e desviacións deses heterodoxos, paradoxalmente coa súa atención documentada fíxolle unha homenaxe. Alí está, por un exemplo, o noso Prisciliano tratado como se debe, como un perverso herexe.

Que Menéndez y Pelayo, patriarca do reaccionarismo español, suplantase a don Manuel Azaña, un nacionalista español republicano comprometido coa extensión da educación pública, mostra claramente a evolución do proxecto nacional español, ou sexa de España neste período histórico que xa non ten volta atrás.

Precisamente a celebración daquel 25 de abril de 1974 portugués fainos ver como as esperanzas dos portugueses tiñan outro fundamento. O único e verdadeiro fundamento democrático é a ruptura co fascismo. Esa experiencia que nunca tivemos nesta parte da raia.

E PASEI POR SEGOVIA FALAR DE REPÚBLICAS, coincidín alí cun antigo camarada, o Luís Ocampo, que do MCG de hai corenta e tantos anos pasou, desde que vive en Castela, a Izquierda Castellana, unha organización que hai pouco pretendeu ilegalizar o Ministerio do Interior, porque España é a que é de xeito pertinaz.

E en Segovia, o mesmo que en Valladolid e noutras cidades e vilas castelás, hai persoas republicanas, non son moitas, tampouco aquí somos. Eu pouco tiña para dar, pois todos os consellos que teña sonme precisos a min, mais algunha cousa dixen. Unha foi que a república ten que ser un proxecto, non a evocación dunha experiencia concreta que fracasou traxicamente. E que ese proxecto haino que encher para que sexa tal e non meramente un nome e unha lembranza cargada de ética. Enchelo de propostas democráticas e rexeneradoras.

E A PASEAR LOGO POR SEGOVIA TROPECEI COA ESTATUA DE MACHADO, que viviu alí e foi quen izou en 1931 a bandeira tricolor republicana no balcón do Concello.

Aínda que, para que habemos mentir, polo que é lembrado é polos seus poemas e demais, como é natural. E visitei a "casa de Antonio Machado", que realmente era a pensión na que vivía hospedado, e contemplei o que era a modestia da vida de entón. E, finalmente, aqueles interiores humildísimos trouxéronme evocacións da miña propia infancia.

Mais, sen lle quitar importancia ao poeta, que naceu en Sevilla mais puido ter nacido en Santiago se o seu pai encontrase aquí praza nun instituto e non tivese que marchar aló, PREFERÍN BUSCAR POLOS PASOS DE MARÍA ZAMBRANO, que morou nesa cidade uns oito anos entre os dez e os dezaoito antes de marchar estudar a Madrid. Co seu mestre Ortega y Gasset, primeiro idolatrado e logo xulgado duramente, como correspondeu.

E de alí trouxen para min unha frase súa "Prefiero una libertad peligrosa a una servidumbre tranquila".

Fixo ben María Zambrano en non querer voltar a España hoxe correría novamente o perigo de ser espiada polo CNI, aquel exilio non tiña remisión, non había unha patria libre para ela voltar. Precisamente estes días na súa terra estrean un goberno autonómico cos fascistas declarados. Tiña razón María Zambrano, ela que non pretendía posuír razón porque desconfiaba dela.