Blogue | E eu que sei

As nosas letras, tan militantes

Como cada ano desde hai case corenta anos tamén desta vez direi que hai que buscar un modo diferente de celebrar a nosa lingua e literatura, as nosas letras. Que @s galeguistas, que somos quen instituíu e promove o día, debemos celebrar a súa vida e a súa vitalidade, pois limitarnos a mostrar as feridas é máis disuasorio que útil.

Que o modo escollido para instituír e celebrar o Día das Letras, celebrar unha figura dos estudos lingüísticos ou da literatura, foi excelente no seu tempo e que hoxe non pode limitarse a iso. Pois sempre nos remite a un pasado que, quitada a Idade Media, nunca foi feliz e sempre agónico e dificultoso.

Non podemos negar a nosa historia, polo contrario debemos dala a coñecer e asumir, mais iso debe ir acompañado dunha celebración dos logros do presente e dunha perspectiva de futuro.

A Real Academia Galega pode seguir a escoller cada ano unha figura para conmemorar, mais é preciso que a sociedade asuma tamén a súa responsabilidade. É precisa unha celebración que naza das entidades culturais e profesionais do país e que teña unha dimensión social e industrial. Entanto iso non exista a celebración estará limitada a dar voltas ao redor dunha figura, uns anos máis interesante que outras, e a facer a reivindicación anual dos dereitos de quen falamos e queremos vivir na nosa lingua no noso país.

Ese carácter de lingua reivindicativa, na que reclamamos os dereitos de todo tipo e tamén para a que reclamamos o dereito a existir é a evidencia da situación histórica na que está. E tamén é a súa limitación, así é percibida a nosa lingua polo conxunto da sociedade, como unha reivindicación.. Precisamos unha lingua que non sexa meramente unha trincheira na que loitamos.

E temos que asumir a realidade social existente neste momento histórico. Se queremos gañar as simpatías e as intencións de concidadáns e concidadás que xa son castelán falantes, como resultado das políticas do estado, e que non son contrarios á nosa lingua, que mesmo a ven con respecto e cariño aínda que non a falen, temos que tender mans e facer pontes. Porque a existencia histórica da nosa lingua só é posíbel coa súa achega, porque non poderemos existir as persoas galego falantes se non contamos co seu apoio.

Este ano a RAG escolleu unha figura dun rexo carácter cívico. Florencio Delgado Gurriarán foi un cidadán galego exemplar en toda a súa traxectoria e iso vai ser destacado en todas as gabanzas da súa vida. A unión entre civismo comprometido e militancia lingüística e literaria é un exemplo clásico da nosa mellor historia e mostrará novamente como a nosa historia cultural é unha historia de resistencia política.

Outra cousa é a significación como figura literaria, cousa que lle deixamos aos críticos. O que si, eu non destacaría precisamente os seus poemas que sinalan aos inimigos do noso país precisamente por castelán falantes. No seu tempo o poeta sinalaba así os comportamentos sociais e políticos dos partidarios da opresión da Galiza, mais eses versos hoxe non poden ser comprendidos xustamente. E utilizalos como arma contra os nosos concidadáns é inxusto.

Os comportamentos lingüísticos de cada persoa responden a causas de moi diverso tipo e o mesmo que esiximos os nosos dereitos como cidadáns a poder vivir na nosa lingua temos que practicar a tolerancia e a comprensión das vidas dos nosos concidadáns e concidadás. Porque, ademais, non hai outra.

Comentarios